BNG: “Supresión do tren por Ribadavia non, mellora da liña do Miño si”

Nestes días estase anunciando que os trens que comunican o sur galego co interior da Península van deixar de circular pola vía Vigo-Ourense para facelo polo corredor atlántico entre Vigo e Santiago e continuar cara Ourense.

Trátase dunha decisión ineficiente e inxusta. No canto de percorrer 132 quilómetros, o convoi ten que circular 178 para chegar dende Vigo a Ourense, co conseguinte despilfarro de enerxía.

AVANTAR ACTIVIDADES

Mentres que o aforro en tempo son sete minutos, todas as localidades que se atopan entre Vigo e Ourense incluída Ribadavia, quedan sen este servizo de tren de media distancia.

Non aceptamos esta decisión, a única medida que se ten que tomar é a reposición dos trens que circulaban antes da pandemia e modernizar a vía férrea entre Vigo e Ourense, para facer dela unha liña do século XXI.

Por elo, dende o BNG presentamos diante do concello de Ribadavia unha moción para ser tratada no pleno deste xoves día 24,  esixindo a Renfe que repoña e manteña todos os servizos de tren de media distancia existentes antes de marzo de 2020, coas súas correspondentes paradas na estación de Ribadavia, instando á modernización da liña ferroviaria entre Vigo e Ourense, demandando da Xunta a posta en marcha dun tren de proximidade, que preste servizo entre as cidades galegas e as vilas próximas, como xa existe noutras Comunidades Autónomas.

MOCIÓN

MOCIÓN A PROL DO MANTEMENTO DO TRÁFICO FERROVIARIO NA LIÑA OURENSE-VIGO E A MELLORA DA INFRAESTRUTURA

Nos últimos días estanse a producir declaracións públicas, mesmo confirmadas por Renfe,  que anuncian que os trens que comunican o sur galego co interior da Península van deixar de circular pola vía Vigo-Ourense para facelo polo corredor atlántico entre Vigo e Santiago e continuar cara Ourense.

Trátase dunha decisión ineficiente e inxusta. No canto de percorrer 132 quilómetros, o convoi ten que circular 185 para chegar a Ourense, co conseguinte despilfarro de enerxía. Mentres que o aforro en tempo son sete minutos, todas as localidades que  se atopan entre Vigo e Ourense incluída Ribadavia, quedan sen este servizo de tren de media distancia. Unha decisión inxusta xa que no deseño das liñas ferroviarias vólvese privilexiar ás áreas urbanas xa de por si beneficiarias dun maior dinamismo e penalízase ás zonas do interior. Unha vez máis o discurso do reequilibrio territorial, da atención ás comarcas que van quedando baleiras queda en pura retórica, mentres as accións reais van en dirección contraria.

Unha das razóns  que se invocan para mudar o percorrido histórico dos trens entre Vigo e Madrid é o mal estado da liña chamada liña do Miño, a que dende 1881 pasa por Ribadavia. Este é outro claro exemplo de como a chama alta velocidade é un dos maiores enganos políticos cometidos polo Estado español para gloria das grandes empresas construtoras. As liñas de alta velocidade son e van seguir sendo un sumidoiro de cartos públicos sen beneficio social algún. O abandono das liñas ferroviarias convencionais, que son as que dan servizo á maior parte da poboación é a outra cara da alta velocidade, malia que se oculta. Unha falta de investimento na modernización das liñas convencionais que padecemos en Ribadavia e temos que esixir que remate.

A liña do Miño é a vía máis rápida para comunicar Vigo con Ourense e o interior da Península, polo que temos que esixir que se execute a variante sur de Vigo que unirá o corredor atlántico galego con Portugal e dende Tui a mellora da liña do Miño para que en Ribadavia poidamos manter a nosa estación e dar servizo ao Ribeiro e comarcas veciñas tanto en servizos de proximidade, coma en mercadorías e liñas de media distancia.

Por todo elo instamos ao Pleno municipal de Ribadavia a adoptar os seguintes

acordos:

1. Demandar a Renfe a que repoña e manteña todos os servizos de tren de media distancia existentes antes de marzo de 2020, coas súas correspondentes paradas na estación de Ribadavia.

2. Instar á Xunta a que demande do goberno central a modernización da liña ferroviaria entre Vigo e Ourense.

3. Demandar da Xunta a porta en marcha dun tren de proximidade, que preste servizo entre as cidades galegas e as vilas próximas, como xa existe noutras Comunidades Autónomas.

4- Emprender accións conxuntas cos outros concellos afectados.