― A Consellería de Emprego e Igualdade vén de resolver a convocatoria do programa Aprol Rural para este ano, que permitirá a contratación de 505 persoas sen emprego en 284 concellos galegos grazas a un investimento de 7 millóns de euros
― O obxectivo da iniciativa é impulsar o emprego rural na Comunidade Autónoma
Ourense, 24 de xuño de 2021.- A Xunta vén de resolver a convocatoria de axudas deste ano do programa Aprol Rural para apoiar nos concellos galegos a contratación de persoas desempregadas para a realización de servizos de prevención de incendios, entre outros.
Na provincia de Ourense beneficiaranse 90 concellos que coas axudas da Xunta por valor de 2.912.314 euros poderán contratar a 211 persoas.
En Galicia, en global, apoiarase a contratación de 505 persoas sen emprego en 284 concellos a través dun investimento de sete millóns de euros.
As persoas desempregas realizarán de tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Na orde de axudas deuse prioridade aos concellos fusionados e os emprendedores. Os contratos terán unha duración de 9 meses a tempo completo.
O obxectivo da iniciativa é incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural de Galicia, mediante a contratación de persoas desempregadas, e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas da comunidade autónoma.
Enmárcanse, ademais, na prioridade da Xunta de crear máis e mellor emprego de calidade na Comunidade e completan outras iniciativas que xa se activaron e que favorecen a contratación nos concellos galegos. É o caso dos obradoiros de emprego, no que se invisten en toda Galicia 30,2M€ para permitir a formación e o acceso ao emprego de 1.500 persoas; as axudas para a contratación de orientadores laborais, ás que se destinan 6,8M€ para a contratación de 280 persoas ou os Programas Integrados de Emprego, cun orzamento de 8,4M€ para apoiar a contratación de 3.300 persoas en concellos e entidades sen ánimo de lucro.
Así mesmo, destacan as axudas destinadas á contratación de 700 persoas perceptoras da Risga, que contan cun orzamento de 7,7 millóns de euros en toda Galicia para dar apoio a 165 concellos ou agrupacións de municipios; ou as axudas para apoiar a contratación de persoas sen emprego para a realización de servizos de interese xeral e social nas que este ano o investimento é de 1,5 millóns de euros para a contratación de 464 socorristas en 163 concellos galegos. Na provincia de Ourense contrataranse 82 persoas para a realización de tarefas de vixilancia en piscinas ou espazos fluviais a través dun orzamento de máis de 268.000 euros.