Nota de prensa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A MIT 2021 fará pública toda a súa actividade na rolda de prensa de presentación do programa da 37ª edición o vindeiro martes día 29 de xuño ás 12h, nun acto dende Ribadavia que se poderá seguir en directo nas canles oficiais das redes sociais do festival.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

            Entre as actividades, terán especial relevancia todas aquelas relacionadas coa dramaturxia actual e o apoio ás creadoras e creadores contemporáneos.

            Neste sentido, a MIT anuncia unha das actividades paralelas que se suman ao estímulo da dramaturxia galega, como é o xa veterano Premio Abrente de Textos Teatrais.

O 16º PREMIO ABRENTE dará a coñecer a obra premiada no contexto da MIT 2021, entre o 16 e o 25 de xullo, unha nova edición do Premio de Textos Teatrais que leva o nome da Asociación que sinalou a Ribadavia no camiño do teatro en tempos de dificultades e que alentou a escrita e a representación na nosa lingua. Formarán parte do xurado desta edición  Rocío González, actriz, José Luis Baños de Cos, dramaturgo e Premio Abrente 2019 e Anna R. Figueiredo, escritora e vicepresidenta da AELG.

            DraMITurga. DramaturGA (Asociación Galega de Dramaturxia) e a MIT Ribadavia organizan draMITurga, unha explosión de forza centrífuga que impulsa, expande e visibiliza a nai das artes escénicas: a dramaturxia. A enxeñaría que está na base do teatro, do circo, da danza e doutras modalidades performativas e das súas mestizaxes, pasa agora a primeiro plano con esta proposta. Unha idea de Ricardo Cabaça, secundada e coidada por Afonso Becerra de Becerreá, Ernesto Is e Zé Paredes.

            6 dramaturgas/os, 3 de Portugal e 3 de Galiza, van a escribir cadansúa peza breve orixinal para esta ocasión. A partir desas 6 pezas breves orixinais poñerase en marcha draMITurga, que consiste nun xogo no cal cada unha das 6 dramaturgas fará unha rescrita de cada unha das pezas das súas colegas. Isto xerará unha multiplicación de versións e rescritas que dará un resultado de 36 pezas breves. Un xogo de espellos e contaminacións, de disfraces e espidos, a través do cal esas 6 primeiras pezas breves orixinais se van converter noutras.

            draMITurga anima, deste xeito, non só a creación contemporánea, senón tamén as conexións entre poéticas, estéticas e voces diferentes, dentro do eixo atlántico galego-portugués. Ademais, o xogo de rescritas pon en foco un dos elementos fundamentais das artes escénicas e mesmo da propia vida, se callar por iso ás escénicas se lles chama tamén artes vivas: a mudanza. Pezas orixinais que van mudando ao pasar por distintas mans.

O show draMITurga

            A última rescrita farase, in situ, na MIT Ribadavia e abrirase ao público nun show especial. Farase unha presentación das derradeiras rescritas por parte do alumnado da Escola Municipal de Teatro de Ribadavia e sen ofrecer a identidade de quen as realizou. Cada persoa do público emitirá un voto secreto respecto á peza que máis lle guste e interese. Entón, da peza elixida procederase a presentar todas as súas versións até chegar á peza orixinal, como nunha viaxe alucinóxena, que nos levará por diferentes voces, estilos, poéticas e, incluso, sorpresas. draMITurga, a dramaturxia patas arriba!

Dramaturgos galegos: Roi Vidal, Carlos Labraña e Ze Paredes.

Dramaturgos portugueses: Ricardo Cabaça, Ivo Saraiva e Silva e Mariana Ferreira.

Lectura das pezas e votación do público: 25 de xullo, 12h00, Igrexa da Madalena

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------