O Psdeg-Psoe levará ao pleno do concello de Ourense unha moción para esixir a bonificación dos avant entre Ourense e Santiago

O Psdeg-Psoe levará ao pleno do concello de Ourense unha moción para esixir a bonificación dos avant entre Ourense e Santiago: “hai un 70 % de diferenza cos prezos da costa”

Publicidade

Aseguran que a diferenza nos prezos ten que ver cun “agravio” levado a cabo pola exministra Ana Pastor, quen tomou a “decisión discrecional” de eximir o Eixo Atlántico da actualización de tarifas

Os socialistas instan a Renfe-Operadora a restablecer as frecuencias de trens Avant na liña Santiago de Compostela-Ourense que foron recortados por mor da pandemia

 O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar unha moción que levará ao vindeiro pleno municipal para esixir que a Xunta e o Goberno central bonifiquen os Avant entre Ourense e Santiago de Compostela, co fin de equiparar os prezos cos dos trens do Eixo Atlántico. A iniciativa pretende emendar un “agravio” levado a cabo pola exministra de Fomento, Ana Pastor, quen en 2015 tomou a “decisión discrecional” de eximir a liña da costa da actualización de tarifas aplicables á alta velocidade, creando así unha “discriminación” entre costa e interior de Galicia.

“Dez anos despois seguimos con esta penalización na terceira cidade de Galicia, onde temos menos recursos e onde o reequilibrio territorial é máis necesario”, lamentou o voceiro socialista, Rafa Villarino. Neste sentido, Villarino sinalou que a harmonización de prezos deste servizo é unha iniciativa “xusta e necesaria” que xa están a levar a cabo outros gobernos autonómicos, como é o caso da Junta de Castela e León, onde veñen de acordar a subvención de parte do custo das viaxes para as persoas que teñan a comunidade como residencia habitual e viaxen en Avant a Madrid.

Ademais de apelar á Xunta, os socialistas instan ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, así como ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a colaborar na subvención dos trens, pola súa importancia para loitar contra o problema demográfico na provincia. Igualmente, solicitan á entidade pública empresarial Renfe-Operadora que restableza todas as frecuencias do Avant entre Santiago e Ourense e no resto de liñas galegas que viron recortados servizos ferroviarios por mor da pandemia.

“Esta liña Ourense-Santiago-A Coruña contou con case cincocentos mil viaxeiros no ano 2019” abundou Villarino sobre a terceira relación con máis viaxeiros punto a punto da comunidade autónoma, ao tempo que salientou a necesidade de “reducir ese 70 % de diferenza no prezo dos billetes entre interior e costa” para que a cifra de usuarios sexa incluso maior cuns abonos máis asumibles.

A modo de exemplo, os socialistas sinalan no texto da moción que o tren de alta velocidade entre Santiago e Ourense custa actualmente 16 céntimos por quilómetro, mentres que entre Compostela e Vigo ou a Coruña o prezo é de 9 céntimos por quilómetro, ao tempo que subliñan que as tarifas estipuladas por Renfe-Operadora son as mesmas que aplican a todos os servizos Avant do territorio español –ao estaren establecidas normativamente en función do tipo de infraestrutura e material rodante empregados– polo que a excepción dos trens de alta velocidade que circulan entre a Coruña e Vigo foi produto dunha “decisión política” da exministra Pastor que redundou nunha “discriminación” co interior de Galicia, e que dende o PSdeG-PSOE de Ourense avogan por solucionar.

Fondos europeos: 500 millóns para a variante exterior

Os socialistas tamén puxeron en valor “o compromiso do Goberno de España co desenvolvemento ferroviario na cidade de Ourense”, destacando a licitación xa en curso da variante exterior cun custe aproximado de case 500 millóns, que poderá ser  sufragada con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea, e que será o maior investimento levado a cabo por un Goberno de España na cidade. Ata o de agora o outro gran investimento en Ourense dende La Moncloa, por enriba dos 100 millóns, foi o saneamento e abastecemento da man da exministra socialista, Elena Espinosa, cando tamén gobernaba o PSdeG-PSOE no Concello de Ourense.

“É un logro que non sería posible sen o impulso de todos os socialistas que estiveron á fronte do Goberno central, da Xunta de Galicia cando tocou, e tamén desta cidade”, sinalou a concelleira socialista Natalia González, quen lembrou así mesmo que fora o Partido Socialista quen en 2008 mudara o proxecto orixinal que partía a cidade en dous, un plan “apadriñado polo Partido Popular de Núñez Feijóo”.

A respecto do presidente da Xunta de Galicia, a socialista preguntouse, dende a nova estación de autobuses de Ourense, “por que Feijoo non vén a Ourense dicir que esta é a primeira intermodal de Galicia, e por que insiste en dicir que a primeira é a de Santiago, onde si aparece para a foto oficial da inauguración”.

“Cómpre preguntarse por que o Partido Popular hipoteca Ourense e esixe un proxecto de estación intermodal, cando sabe que a intermodalidade se perdeu no momento en que nos empaquetaron este pendello”, concluíu González.