Asoporcel recibe o Premio Galicia Alimentación 2021 na categoría de mellor proxecto empresarial

IES CHAMOSO LAMAS

Asoporcel convértese así na primeira asociación de gandeiros en recibir este recoñecemento outorgado polo Clúster de Alimentación de Galicia.

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) recolleu este mediodía, no marco do Foro & Premios Galicia Alimentación organizado polo Clúster de Alimentación de Galicia (Clusaga) na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o premio ao mellor proxecto empresarial.

HIPER MASIDE

Trátase da sétima edición destes galardóns, nos que Asoporcel marca un punto de inflexión ao converterse na primeira asociación de gandeiros en ver recoñecido o seu labor. En anos anteriores foron premiadas na mesma categoría empresas como a cooperativa CLUN, Candelas, a Aula de Produtos Lácteos da USC ou a Casa Grande de Xanceda.

No acto de entrega, o presidente de Asoporcel, José Barreira, estendeu o seu agradecemento a todas as persoas que apoian a diario o traballo da asociación e fixo fincapé no esforzo que deberon facer para reinventarse nos últimos meses por mor da pandemia: “Enganchámonos ás iniciativas de venta online, fixémonos un oco nas pequenas tendas de barrio e mesmo conquistamos un espazo nas grandes superficies, da man da rede Mercaproximidade da Consellería do Medio Rural”, enumerou.

Así mesmo, sinalou que a primeira encomenda da asociación segue a ser a da recuperación e conservación do Porco Celta, ao tempo que se contribúe á revalorización do rural e da gandería tradicional. Este recoñecemento supón “un empuxón para seguir adiante nesta dirección, apostando polo emprendemento de novos proxectos e apuntando cara a metas máis altas, nas que agardamos seguir camiñando acompañados, e tamén acompañando, para que o sector agroalimentario avance recio”, afirmou Barreira.

A cerimonia estivo presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e tamén contou coa presencia doutras autoridades como os conselleiros do Medio Rural, José González; de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e do Mar, Rosa Quintana.

O evento de agradecemento pódese volver ver nesta ligazón.