O PSOE de Punxín urxe o arranxo da estrada de acceso ó centro de saúde

O PSdeG-PSOE de Punxín urxe ao grupo de goberno municipal a reparación e arranxo da estrada de acceso ao centro de saúde do municipio, unha das vías de comunicación máis empregadas a diario pola veciñanza. As socialistas denuncian que dende fai meses existe unha zanxa tapada con terra o que provoca que se concentre po no aire, impedindo aos veciños e veciñas que poidan abrir as fiestras das súas casas.

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran “urxente” a reparación desta estrada de acceso dende a N-541 e que se atopa a altura da casa do Concello, dando acceso ó centro de saúde e á área recreativa do Bañino. “A veciñanza leva meses agardando o arranxo dunha das estradas que máis empregan a diario, e é preciso que o goberno se poña a traballar para dar resposta inmediata a dita reclamación”, denuncian as socialistas.

AVANTAR ACTIVIDADES

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro, considera que este “abandono e deixadez municipal” son unha nova mostra do “desgoberno” que vive Punxín. Considera “moi grave” que o grupo de goberno municipal “faga caso omiso as reclamacións veciñais e levemos meses cunha das principais arterias de comunicación do noso concello nesta situación”.

Peleteiro subliña que ao tratarse dunha das vías de comunicación principais do Concello “o trastorno que está ocasionando aos veciños e veciñas da rúa é severo”, e denuncia que ademais das fochancas, outro dos problemas e o po, “xa que coa circulación de vehículos e o acumularse terra na estrada, este po chega a impedir en ocasións a apertura das fiestras aos veciños e veciñas que teñen as súas casas nesta estrada, impedindo polo tanto a ventilación das súas vivendas”.

As socialista esíxenlle ao goberno municipal do Partido Popular e do concelleiro non adscrito que “escoiten dunha vez aos veciños e ás veciñas de Punxín e miren polos seus intereses” e lémbranlle que “foron elixidos nos seus cargos pola veciñanza e débense a esta, atendendo as súas demandas e buscando solución a problemas como o desta estrada”.