A Asociación de Pulpeiros do Carballiño-Arcos prepara un plan de acción para impulsar o oficio

IES CHAMOSO LAMAS

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo un encontro coa Asociación de Pulpeiros do Carballiño-Arcos, quen lle fixo entrega do plan de acción que estuda poñer en marcha este colectivo para impulsar a imaxe e promocionar un produto ourensán de tanta calidade, tradición e sona no ámbito gastronómico nacional e internacional. Neste sentido, para actualizar e dinamizar este produto na próxima etapa poscovid a asociación marcouse unha serie de obxectivos entre os que figuran redeseñar, fortalecer e reposicionar a imaxe da asociación; adaptarse ao uso das novas canles de comunicación; organizar a xestión interna da asociación; realizar eventos con impacto social e innovar con proxectos vinculados ao ámbito do pulpo. 

Manuel Baltar destacou “o labor que está a realizar a asociación por impulsar unha das marcas máis características do eido gastronómico da nosa provincia, unha tradición e un ámbito económico que temos que apoiar, potenciar e difundir para seguir poñendo en valor a imaxe dos pulpeiros e o seu produto”, afirma o presidente da Deputación de Ourense. 

HIPER MASIDE

A asociación prevé desenvolver un plan de marketing no período 2021-2025 e crear unha nova imaxe de marca que sintetice os atributos da asociación, do oficio e do produto, así como renovar a páxina web, crear material audiovisual para diferentes soportes, merchandising e eco-envases. Ademais diso, entregaranse anualmente uns premios anuais para distinguir ás figuras máis relevantes do mundo dos pulpeiros, e entre os proxectos que estuda iniciar a asociación figuran a creación do Museo do Pulpo, a produción dun documental sobre Arcos e O Carballiño como terras de pulpo, e a creación dunha APP para xeolocalizar pulpeiros e feiras.