Os empresarios do polígono avalían os problemas e necesidades actuais nunha asamblea ordinaria

O pasado xoves, tivo lugar no Auditorio Municipal “Manuel María” do Carballiño, a Asemblea Xeral Ordinaria da  Asociación de Empresarios da área industrial do Carballiño, a que asistiron os directivos e representantes das empresas da citada area industrial que dan emprego a un total de 1132 traballadoras e traballadores, manifestando a súa  visión de futuro así como os retos actuais para superar a situación provocada pola pandemia da Covid-19.

Entre as peticións que se puxeron sobre a mesa, destacan a escaseza de materias primas co consecuente potencial desabastecemento de varios sectores, a dificultade para contratar persoal cualificado debido a falta de formación específica e necesidade de mellorar os puntos de subministro de auga necesarios para unha eventual emerxencia, tamén a mellora de servizos básicos como a velocidade das conexións a través de internet.

AVANTAR ACTIVIDADES

O Presidente, Manuel Carballeda, acompañado polos integrantes da Xunta Directiva Juan Sieiro, Daniel Atanes e Carlos Rivas, recalcou a importancia de contar con esta asociación como un instrumento fundamental para acadar avances, sendo a base da consecución dos mesmos o compromiso e a unión de todas as empresas que a integran. Destacou ademais, a resiliencia coa que afrontaron todos os axentes implicados, a actual situación de pandemia.

Deuse conta do convenio firmado co Concello do Carballiño para a contratación dunha técnica para apoio das empresas, especialmente afectadas polo entorno da Covid-19.

Púxose de manifesto a importancia da seguridade das persoas e bens en  toda a Area Industrial contribuíndo de xeito especial as cámaras de vixilancia, así como a colaboración da Garda Civil e a Policía Local.

Foi abordada a ampliación da Área no propio entorno e tamén en terreos do  Concello de Maside, un asunto posto en marcha polo Concello de Carballiño coa colaboración da Administración Autonómica, instando a que poida levarse a cabo coa maior dilixencia.

A xornada rematou coa gran acollida da presentación de Alberto Blanco, representante de SOGARPO, quen expuxo aos asistentes as diferentes liñas de financiación a través dos distintos instrumentos do  IGAPE para apoiar o crédito ás PEMES, mediante convenio entre estas dúas entidades.