O PSdeG-PSOE de Punxín defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción na que avogan pola creación dun servizo de axuda no fogar exprés destinado ás persoas dependentes en situación de agarda do recoñecemento. As socialistas instarán ao Concello a proceder a elaboración dunha ordenanza municipal neste senso, pero tamén a que o grupo de goberno se dirixa, de ser o caso, ao resto de administracións para que coa colaboración das mesmas sexa posible a realización do mencionado plan. Tamén lle piden ao PP e ao concelleiro non adscrito que “haxa consenso” na elaboración da mencionada ordenanza municipal entre tódolos grupos da corporación.
Para as concelleiras socialistas cada vez son máis as persoas maiores que por diversas razóns precisan da atención doutra ou doutras persoas a hora de realizar as actividades da vida diaria. Por este motivo consideran “imprescindible” que o servizo de axuda no fogar dea unha resposta “rápida, eficaz e directa” para atender a estas persoas en situación de dependencia.
Dende o Grupo Municipal Socialista subliñan que “xa vimos reclamando en múltiples ocasións que o Concello ten entre os seus mandatos velar polo benestar da súa veciñanza, e especialmente por aqueles veciños e veciñas máis vulnerables”. Por este motivo, as socialistas de Punxín avogan pola “posta en marcha de ferramentas que axuden a estas persoas e as súas familias” e apuntan tamén a que “temos a obriga de demandar a colaboración e a axuda de outras administracións nesta tarefa fundamental e social”.
Para a voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro, a Lei de Dependencia posta en marcha polo goberno socialista de José Luís Rodríguez Zapatero “foi un dos grandes avances sociais dos últimos anos, marcando un antes e un despois na atención ás persoas maiores e dependentes deste país”. A concelleira socialista destaca iso si que co decreto 15/2010 da Xunta de Galicia “o prazo máximo para a resolución do grao de dependencia dunha persoa é de 3 meses” e lembra que a este prazo hai que sumarlle outros tres meses para determinar o Programa Individual de Atención, co que a espera prolóngase aos 6 meses, aínda que a realidade é que estes meses poden converterse en anos”.
Peleteiro tamén fai fincapé en que “só as persoas que viven nas súas familias esta realidade saben o complicado que é afrontar esta situación de desgaste físico e emocional e que altera totalmente a vida das familias e dos seus membros”. Tamén apunta a “dificultade de conciliar a vida familiar e laboral, e non menos importante, a realidade económica á que se ven sometidas as familias que precisan dos servizos para atender correctamente a unha persoa dependente”.