O proxecto Keep On analizará iniciativas locais que poidan candidatarse ao POCTEP

Reunión técnica do Proxecto Keep On en Pazos de Arenteiro (Boborás) coa participación de Rosendo Fernández (Presidente do INORDE), Emma González Diéguez (Xerenta do INORDE) E os membros dos grupos participantes.

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, foi o encargado de dar a benvida aos asistentes que participaron na sexta reunión das partes interesadas do proxecto europeo Keep On coa que se pretende poñer en marcha o Plan de Acción, desenvolto durante a primeira fase do proxecto, coordinando as accións desde o inicio para que ao longo desta implantación e monitorización que durará tres semestres, se poidan reorientar as medidas e adaptalas no caso de que fose necesario se xorden novas necesidades na nosa comunidade local.

O Plan de Acción consta, principalmente, de tres actuacións coas que se pretende dar resposta aos problemas e retos identificados no sector do patrimonio cultural durante a implementación do proxecto Keep On e froito de todas as achegas realizadas polos grupos das partes interesadas (participantes na reunión). Ditas accións son: promover unha maior participación da Administración Local nos proxectos financiados polo POCTEP, asegurar a sostibilidade dos proxectos desde un punto de vista social, cultural, e económico, e promover o intercambio de experiencias e a transferencia de coñecemento entre axentes territoriais a través dunha estratexia e planificación das accións de información e comunicación.

AVANTAR ACTIVIDADES

Durante o encontro, tamén se presentou unha actividade adicional ao proxecto presentada polo Inorde que pretende demostrar que “coa coordinación entre todos os axentes locais, rexionais e nacionais, xunto cunha boa planificación e implicación da comunidade local é posible conseguir proxectos sostibles”, adiantou Rosendo Fernández. Con esta actividade preténdese lograr que iniciativas ou ideas de proxectos a nivel local poidan consolidarse como un proxecto candidato ao Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza.

A reunión celebrouse na aldea rural de Pazos de Arenteiro, declarada Ben de Interese Cultural no seu conxunto, unha medida que “adoptamos co obxectivo de promover o patrimonio cultural das nosas localidades celebrando este tipo de encontros técnicos que permiten coñecer in situ as potencialidades culturais da nosa provincia”, dixo o presidente do Inorde. Ademais dos asistentes, tamén participaron outras partes interesadas do proxecto vía telemática.

O proxecto Keep On  de cooperación interterritorial (Interreg Europe) ten como obxectivo mellorar as políticas públicas no ámbito do patrimonio cultural ofrecendo ferramentas que permitan desenvolver proxectos sostibles e duradeiros, tanto no ámbito económico como social. Por elo, desde o Inorde “quixemos contar desde o primeiro momento coas persoas que mellor coñecen a realidade local para así facer chegar os problemas reais e as necesidades aos órganos de elaboración e toma de decisións no ámbito do POCTEP”, explicou Rosendo Fernández.

Na reunión participaron, ademais da xerente do Inorde, Emma González; e das responsables de proxectos europeos do Inorde, Rocío Gómez e Carmen Sardiña; o xefe territorial de Turismo en Ourense, Cecilio Santalices; o xestor cultural do Concello de Celanova, Antonio Piñeiro; o xerente do GDR-12, Juan Emilio Aparicio; a técnica do GDR-10 María Ángeles Novoa; a decana da Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo, Montserrat Cruz; e a experta en proxectos europeos, Margarita Steckiewicz. Vía telemática participaron na xuntanza a xerente do GDR-9, Ana Pardo; a xerente do GDR-8, Silvia Álvarez; e o conselleiro técnico da Subdirección Xeral de Cooperación Territorial Europea, Adrián Vecino, quen afirmou que as propostas marcadas no Plan de Acción encaixan coas liñas que marca o programa.