O PSOE de Punxín solicita a creación dun obradoiro de emprego

O PSdeG-PSOE de Punxín defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción na que instan ao Concello de Punxín a que se “comprometa” á creación dun obradoiro de emprego. As concelleiras socialistas no municipio tamén lle piden ao goberno municipal que se proceda a iniciar as negociacións necesarias cos concellos da comarca, ou de comarcas limítrofes, co obxectivo de incluír a Punxín na solicitude da próxima convocatoria dun obradoiro de emprego.

Dende o Grupo Municipal Socialista considera que a falta de emprego no municipio “é unha realidade e unha clara evidencia que coñece toda a veciñanza”, motivo polo que lle piden ao goberno municipal, conformado polo PP e un concelleiro non adscrito, que actúe de “xeito decidido, ofrecendo posibilidades non só de emprego directo, senón tamén de formación para que os nosos veciños e as nosas veciñas incrementen as súas posibilidades e garantías de inserción laboral”.

AVANTAR ACTIVIDADES

As concelleiras socialistas tamén insisten en que ademais da falta de emprego, outro dos puntos candentes “é o abandono e desleixo” que sofre a meirande do patrimonio municipal, froito, segundo aseguran, da “pasividade do goberno municipal”. Apuntan a que varios muíños, fontes, fornos, lavadoiros ou eiras se atopan “totalmente esquecidos” polo goberno municipal, a pesar das “continuas queixas e reclamacións”, que fan tanto dende o Grupo Municipal Socialista, como por parte da veciñanza.

Para a voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro, “xa fai anos que no concello de Punxín se optou pola desidia e non se puxo en marcha ningún obradoiro de emprego”. A líder das socialistas de Punxín tamén afirma que “nada se leva feito pola conservación, arranxo e posta e valor do noso patrimonio, que esmorece e se perde día a día”.

Para Peleteiro a creación dun obradoiro de emprego permitiría conxugar dous dos principais problemas que ten Punxín nestes momentos como son “desemprego e a falta de conservación do patrimonio”. A concelleira socialista considera que co obradoiro darase resposta a “dous problemas e demandas da veciñanza” e permitirá que as persoas que participen no obradoiro “poñan en valor” o patrimonio municipal e poidan “optar a un posto de traballo fixo, ademais da formación que recibirían en caso de realizarse o obradoiro”.