Até o 11 de novembro esta produtora agroecolóxica e lideresa comunitaria convivirá e partillará axenda con labregas do SLG
Segunda edición do programa #MulleresBravas coordinado por Amigas da Terra, Enxeñería Sen Fronteiras e Agareso
Lalín, 08 de Novembro 2024. A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) celebrou hoxe en Lalín unha xornada de posta en común e intercambio coincidindo ca recta final da nosa participación no proxecto Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida, -desenvolvido por Amigas da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras en colaboración con AGARESO-, a través do cal mulleres produtoras de alimentos do SLG conviviron e acolleron nas súas casas á tamén labrega e lideresa comunitaria Nancy Yaneth Escalante, defensora da terra hondureña.
Como non podía ser doutro xeito, esta xuntanza de traballo contou cun xantar compartido, posterior á avaliación da participación do proxecto e antes da conversa aberta. Inspiración, novos coñecementos, fortalecemento das posicións políticas, reforzo da posta en valor da organización comunitaria tanto para a produción de alimentos como para defender a terra e a auga, a Vida, ou a consideración da profesión labrega como un activismo en si mesmo na defensa do dereito á alimentación saudábel e do coidado da natureza, foron algunhas das claves destacadas dentro das múltiples e importantes aprendizaxes que nos aportou participar nesta intensa experiencia.
Acompañada pola nosa Secretaria Xeral Isabel Vilalba, a coordenadora da loita contra o acaparamento de terras no SLG Margarida Prieto Ledo e labregas da comarca, na súa estancia pola zona da Mariña e a Terra Chá Nancy Escalante visitou o mercado de A Estruga (#Vilalba), coñeceu proxectos produtivos como as queixerías Cristina Román e Don Gabino ou a apicultora María del Mar Trastoi de Mel Mar de Bon (San Simón), e mantivo xuntanzas con colectivos feministas e de defensa do monte.
Abondando nas problemáticas xa presentadas durante o encontro estatal do movemento Plantámonos acollido polo Sindicato Labrego en Allariz e no que Nancy participou, nestes primeiros días de convivencia con mulleres do SLG esta defensora da terra hondureña observou exemplos da presión territorial existente no rural galego, a través dun roteiro por zonas onde houbo intentos de implantar proxectos mineiros na Terra Chá, así como outras invadidas por polígonos industriais eólicos.
Seguidamente desprazouse cara a zona de Teixeiro-Cesuras-Aranga-Compostela canda a Responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, a gandeira María Ferreiro. Ambas participaron en Santiago de Compostela no “I Congreso Galicia é Economía Social e Solidaria. Recoñecendo a Economía Social e Solidaria” impulsado por REAS Galicia y financiado por la Rede Eusumo, achegando as súas experiencias a través da mesa “Unha economía que poida responder aos retos civilizatorios: Vivenda, Coidados, Territorio e Alimentación”; ao día seguinte asistiron á xornada “Políticas agrarias e territorio”, organizada polo Sindicato Labrego en Medide.
Con María Ferreiro visitou a granxa en ecolóxico de Belén e Rubén en Fervenzas (Aranga). Daí desprazáronse a Cesuras á gandaría de Eva, tamén en ecolóxico, onde afondamos nos ataques na zona pola instalación de proxectos eólicos, liñas de tensión, etc. O xantar foi en Cesuras, cun grupo de mulleres da zona, e pola tarde Nancy coñeceu a María Pardo (Horta da Lousa), referente na loita das Encrobas.
Seguidamente trasladouse á comarca da Ullada man da labrega agroecolóxica Pura Seoane, que aproveitou eses días de convivencia para amosarlle os muíños que inda se poden atopar na súa zona, lembranza da estreita vida en comunidade no rural galego de non fai tantos anos. Ademais de achegarlle outros proxectos de produción agroecolóxica nesta mesma zona, explicoulle canda veciñanza e labregas da Ulla algúns dos problemas fronte aos que se están organizando actualmente, como o acaparamento de terras agrarias por grandes viñedos industriais.
En Honduras Nancy traballa millo e frijol na súa comunidade, onde xestiona unha horta biointensiva. Ten amplos coñecementos na aplicación de prácticas agroecolóxicas como a conservación de solos e agua, o control ecolóxico de pragas e enfermidades e a produción artesanal de sementes nativas. É unha agricultora de referenza para outras mulleres da súa zona. Xuntas, Pura e Nancy, estiveron sementando cebola en Vedra.
Tamén sementou Nancy faba coiracha e apañou cabazas na comarca de Allariz, onde foi acollida pola labrega agroecolóxica e integrante da Dirección Nacional do SLG Uxía García, a quen ensinou a coller a semente dos boniatos e a botar nabizas como fan en Honduras.
Precisamente en Allariz coñeceu as vacas de raza cachena da man de Raquel, socia da asociación de produtoras agroecolóxicas A Levada -como a propia Uxía-, e canda Herminia e Samuel -responsábel do sector da carne no SLG- soubo do grave problema que temos na Galiza ca Enfermidade Hemorráxica Epizoótica(#EHE); Toño fíxo de guía na visita ao Centro de Desenvolvemento Rural O Viso e con labregas/os e veciñanza da contorna Nancy foi a protagonista dun encontro-faladoiro no Centro Social Alvariça.
Ca vicerresponsábel do sector da horta no SLG, a labrega agroecolóxica Belén Fervenza, Nancy limpou bancais, botou tirabeque e entrou en contacto con outras labregas da comarca que lle trasladaron as dificultades existentes para acceder á terra, así como algunhas das problemáticas que tamén están presentes noutras partes do noso territorio -macroviñedos, ecólicos, celulosas-. Tamén coñeceu o traballo que se está a facer na defensa da alimentación agroecolóxica, como a rede de sementes e a participación nos mercados locais da comarca.
A iniciativa #MulleresBravas procura, da man de mulleres activistas e defensoras da vida e da terra hondureñas e galegas, dar a coñecer os impactos sobre as persoas e o medio ambiente dos proxectos extractivistas en Honduras e Galicia e ofrecer alternativas sustentables para acadar outros camiños de produción e consumo.
Para o Sindicato Labrego Galego é moi importante e enriquecedor participar nestes espazos de intercambio internacionais, na liña do traballo que desenvolvemos a través da nosa participación na estrutura intercontinental La Vía Campesina, e que no caso do proxecto “Mulleres Bravas” permítenos ademais estreitar alianzas con organizacións sociais galegas ao tempo que partillamos unha perspectiva global das problemáticas que afectan ás persoas produtoras de alimentos e ao medio rural no seu conxunto, así como as estratexias para confrontalas.