O Psdeg-Psoe valora positivamente as proxeccións demoscópicas: “estamos en condicións de acadar unha maioría máis ampla e darlle a Ourense un goberno estable”

Os socialistas aseguran que a enquisa publicada polo xornal La Voz de Galicia evidencia que o PSdeG-PSOE é “a primeira forza da cidade” e tamén o partido preferido por todos os xéneros e grupos de idade

Destacan que o partido medraría catro puntos en intención de voto, ampliando considerablemente a distancia co resto de forzas políticas municipais, especialmente con Democracia Ourensana

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE de Ourense valora positivamente as proxeccións demoscópicas publicadas polo xornal La Voz de Galicia, que “evidencian que o PSdeG-PSOE é, con claridade, a primeira forza da cidade en intención e estimación de voto, sendo o partido preferido polos votantes de todos os xéneros e grupos de idade que participaron na enquisa”.

“Estamos en condicións de acadar unha maioría máis ampla que a actual e de darlle á cidade de Ourense un goberno estable que a rescate da parálise”, aseguran dende o grupo municipal socialista, ao tempo que sinalan que “esta estabilidade xa se está a demostrar nas votacións plenarias do actual mandato”.

Así, os socialistas destacan que o PSdeG-PSOE de Ourense é o partido que máis sube en intención de voto a respecto dos comicios municipais de 2019 –cun incremento de 4 puntos, ao pasar do 26,4% ao 30,4%–, ampliando considerablemente a distancia co resto de forzas políticas municipais.

Concretamente, remarcan a significativa diferenza a respecto de Democracia Ourensana, que pasaría dos 4,9 puntos nas anteriores municipais aos 11,7 segundo as proxeccións de Sondaxe para 2023. Tamén destacan a distancia co Partido Popular, dos 3,8 puntos ata os 5,2; así como de Ciudadanos e do BNG, que ampliarían a distancia cos socialistas ata os 5,7 e os 2 puntos, respectivamente.