A Xunta adxudica a humanización do espazo público do Tameirón, na Gudiña

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar por un orzamento de 106.934 euros a obra de humanización e mellora do espazo público do Tameirón, no concello da Gudiña á empresa Desarrollos Inmobiliarios Orensanos, S.L.

Cun prazo de execución previsto de tres meses, os traballos centraranse na mellora  das infraestruturas básicas deste núcleo, para ampliar e arranxar as redes de abastecemento e saneamento. Os traballos continuarán coa humanización e mellora da totalidade do seu espazo público.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta intervención xustifícase co fin de dotar ao municipio dun equipamento de infraestruturas mínimo e acorde ás necesidades da veciñanza, para mellorar a súa calidade de vida e benestar ao tempo que se fomenta a conservación.

A execución desta obra cumpre con obxectivos do Plan Hurbe, un programa impulsado pola  Xunta no ano 2010 para colaborar economicamente coas entidades locais, que en ocasións non teñen a capacidade económica suficiente que require a execución deste tipo de actuacións.

Esta liña de colaboración ten continuidade tamén en 2021, un ano no que os orzamentos do departamento autonómico reservan máis de 7,4 millóns de euros a obras destinadas a crear ou mellorar equipamentos municipais, así como á humanización das contornas urbanas.

De feito, 14 concellos da provincia de Ourense resultaron beneficiarios da orde de axudas convocadas este ano para financiar equipamentos municipais en localidades de menos de 20.000 habitantes.