Unións Agrarias esixe o reforzo das medidas de control da fauna salvaxe no Ribeiro

A organización faise eco das reclamacións dos agricultores da zona e anuncia mobilizacións se non se atenden as peticións dos afectados

Beade, 3 de xuño de 2023.- Unións Agrarias sairá á rúa para denunciar a elevada incidencia dos danos que a fauna salvaxe está a causar nas vides, pero tamén noutros cultivos da zona do Ribeiro, se a Xunta non atende as peticións dos afectados. Así o anuncia a organización trala xuntanza mantida en Beade cos damnificados, que reivindican a posta en marcha de medidas extraordinarias que axuden a frear a crecente afectación dos ataques de xabarís e corzos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os danos rexistrados nas últimas semanas nas vides da Denominación de Orixe do Ribeiro, nomeadamente en parcelas dos municipios de Beade, Castrelo de Miño e Toén, téñense estendido tamén a cultivos de horta e pataca da contorna. Medra a afectación e, con ela, tamén o malestar dos agricultores afectados por uns ataques que non só poñen en risco a actual campaña senón que, no caso das vides, poden afectar tamén á produtividade de futuras vendimas.

Na liña das reivindicacións expresadas polos afectados, Unións Agrarias reclama da Consellería de Ambiente a posta en marcha de medidas complementarias ás esperas, claramente insuficientes. Nese senso, a organización esixe o inicio de batidas nas zonas libres de Beade e insta á administración a axilizar os trámites precisos cos TECOR e colectivos cinexéticos lindantes para facelas posibles.

Alén diso, Unións Agrarias solicita a instalación de xaulas para a captura das unidades familiares de xabarís que están a entrar nas áreas de cultivo mesmo a plena luz do día e en zonas próximas a vivendas, tal e como pode verse nalgún vídeo viralizado nestes días. Contornas nas que non é posible realizar outro tipo de intervencións cinexéticas.

Asemade, Unións Agrarias pon os seus servizos xurídicos a disposición dos afectados interesados en reclamar á Consellería de Medio Ambiente responsabilidade patrimonial polos danos rexistrados. A meirande parte dos ataques das últimas semanas están a producirse en terreos cinexéticos libres nos que a responsabilidade da xestión dos animais non recae nos TECOR ou sociedades de caza, senón directamente na Xunta de Galicia, que debe asumir as súas responsabilidades.

A organización concede á administración un prazo máximo de 3 semanas; logo das cales convocará mobilizacións no caso de que a Xunta non se faga cargo da gravidade da situación e non habilite solucións acordes á magnitude e repercusión dos danos.