Medio Ambiente achega máis de 330.000 € para a construción dunha piscina municipal en Boborás

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a alcaldesa asinaron esta mañá o acordo de cooperación para a súa execución

O convenio total ca aportación do concello ascende a 476000 €. A parte do concello vaina asumir a Deputación

AVANTAR ACTIVIDADES

O departamento que dirixe Ángeles Vázquez encargarase da licitación da obras, previa aprobación do proxecto e acreditación dos terreos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello de Boborás na construción dunha piscina municipal, cunha achega de algo máis de 330.000 euros.

A conselleira, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Patricia Torres, asinaron esta mañá o acordo de cooperación, polo cal a Xunta achegará un 70% do orzamento previsto e o Concello a porcentaxe restante.

Tal e como indicou a conselleira, coa sinatura desta colaboración avánzase un paso importante, xa que esta rúbrica permite ao Goberno galego licitar as obras, sempre que se conte co proxecto aprobado polo Concello, así como a libre disposición dos terreos nos que se localizará esta instalación deportiva.

A Xunta é consciente da importancia que ten para os concellos a materialización de determinados proxectos urbanísticos para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e dinamizar determinadas zonas. Neste sentido, os equipamentos urbanos desempeñan un papel fundamental como factor dinamizador para o desenvolvemento social e cultural da sociedade e son, ademais, elementos estruturais da contorna.

Ambas responsables coincidiron en que con este compromiso tamén se atende a unha vella demanda veciñal, xa que Boborás é dos poucos municipios da comarca que non conta aínda cunhas instalacións deste tipo.

Ademais, lembrou que este tipo de colaboracións para poder intervir sobre equipamentos urbanos tamén son un instrumento eficaz para axudar a frear o despoboamento do rural.

Por último, recordou que esta actuación é acorde aos obxectivos do plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 polo Goberno galego co fin de apoiar ás entidades locais na execución de todo tipo de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público. Grazas a este programa, executáronse case 320 actuacións, o que significou mobilizar case 150 millóns de euros.


VIDEO SPOT BOBORÁS en BADAL TV