Un total de 24 concellos da provincia de Ourense impulsan as actividades das súas bibliotecas e axencias de lectura grazas ao apoio da Xunta

  • O delegado territorial explicou que estes 24 concellos recibiron preto de 23.000 euros da Xunta para desenvolver  actividades de dinamización da lectura así como para o desenvolvemento do programa Ler conta moito 21
  • Gabriel Alén subliñou que esta acción enmárcase dentro da aposta do Goberno galego por consolidar un sistema bibliotecario sólido, que se ratifica nun incremento dos orzamentos deste ano ata acadar os 7,4 millóns de euros

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Álvaro Vila, a biblioteca do concello de Taboadela, onde subliñou que 24 concellos da provincia de Ourense recibiron preto de 23.000 euros da Xunta para desenvolver  actividades de dinamización da lectura así como para o desenvolvemento do programa Ler conta moito 21 nas súas bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Publicidade

Gabriel Alén explicou que en Galicia un total de 180 concellos benefícianse das axudas da Xunta de Galicia para as actividades de dinamización da lectura así como para o desenvolvemento do programa Ler conta moito nun total de 220 bibliotecas e axencias de lectura integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

A liña de financiamento ás entidades locais dotada con 195.000€ por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten o obxectivo de facilitar a posta en marcha actividades de animación á lectura sobre a base do catálogo Ler conta moito 2021. Este programa, que se desenvolve en colaboración coas entidades locais, ten como obxectivo contribuír á promoción da lectura como un vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal, ofrecendo espazos de encontro para descubrir e compartir. Ademais de alentar a aprendizaxe, o desenvolvemento de actividades como estas de dinamización no ámbito da biblioteca permiten reforzar o seu carácter de espazo aberto.

Ao abeiro desta liña os concellos beneficiarios deberán programar ata o 25 de outubro un mínimo de dúas actividades polas que reciben unha achega que cubre ata o 75% dos gastos.

Ademais do compromiso coas administracións locais e coas bibliotecas galegas, esta acción enmárcase dentro da aposta do Goberno galego por consolidar un sistema bibliotecario sólido, que se ratifica nun incremento dos orzamentos deste ano ata acadar os 7,4 millóns de euros. Ademais, desde a entrada en vigor da Lei de Bibliotecas de Galicia reforzouse a cooperación entre os axentes con competencias nesta materia.

De xeito complementario destas axudas, a Xunta ofrece tamén subvencións para o crecemento e actualización das coleccións das bibliotecas, axudas para equipamentos culturais de concellos e poténciase o papel da Biblioteca de Galicia como institución central e a posta en marcha da biblioteca dixital Galiciana, entre outras iniciativas.