A Xunta ensaia o sistema operativo de control de lumes en situación 2

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá no simulacro de “Activación da situación 2”na provincia de Ourense dende o Centro de Coordinación Operativo (CECOP) que quedou constituído no segundo andar da Delegación Territorial.

Segundo o delegado territorial, con este exercicio trátase de simular unha emerxencia provocada por unhas situacións semellantes ás de outubro de 2017 ou setembro de 2020; na que se veñen a producir varios lumes que de forma simultánea varios incendios de SITUACIÓN 2. Neste caso en concreto, un incendio que afectará o lugar de Xacebáns (Quintela de Leirado – Distrito XII), e outro a localidade de Calvos de Arriba (Bande – Distrito XV). O que provoca a declaración da situación 2 en toda a provincia de Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

O obxectivo principal da realización do simulacro é a constitución dos centros de mando. A formación do Posto de Mando Avanzado (PMA) no lugar dos incendios, e o intercambio de información entre os PMA e o CECOP. Este levarase a cabo empregando a Rede Tetra, ademais da novidade do emprego das videoconferencias en situación de emerxencia.

Outra das finalidades é a de adestrar un conxunto de actividades que desenvolverán os grupos operativos como son os confinamentos, os cortes de estradas, a atención aos feridos, pautas de extinción, traslado dos medios e a xestión das fichas de control de medios.

No simulacro desta mañá participaron efectivos responsables de Protección Civil, Bombeiros, Garda Civil, Garda Civil de Trafico, Policía Nacional, Unidade da Policía Adscrita, Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, sanitarios, e persoal da Subdelegación do Goberno, do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (Spdcif) e do Servizo de Emerxencias.