O Psdeg-Psoe de Viana solicita a ampliación do número de prazas da gardería do municipio

O Psdeg-Psoe de Viana solicita a ampliación do número de prazas da gardería do municipio e evitar desta forma que os pais e nais teñan que desprazarse ata Vilariño

Os socialistas recalcan que na actualidade hai unha “carencia” de prazas para acoller aos nenos e ás nenas menores de tres anos e critican que “falta vontade” por parte do Concello para solucionalo

AVANTAR ACTIVIDADES

Avogan porque os pais “conten con todo tipo de facilidades para a crianza dos cativos e atopen por parte do Concello os servizos básicos e dignos que lles permitan desenvolver a súa vida familiar e laboral”

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo defenderá unha moción no pleno deste vindeiro venres na que solicita a ampliación de prazas na gardería pública infantil, así como a súa correspondente dotación de persoal e material para atender a este aumento de prazas. Asemade, si o local onde se sitúa a gardería non permite dita ampliación, pídenlle ao Concello de Viana que poña a disposición da Xunta de Galicia outro que permita acoller a ampliación de prazas e do correspondente persoal.

Os socialistas sinalan que na actualidade son varios os pais e nais que se ven obrigados a levar os seus cativos e cativas a gardería do Concello de Vilariño de Conso ante a carencia de prazas en Viana, cos contratempos que isto supón. Critican tamén que por parte do goberno municipal “falta vontade” para dar solución a estas carencias de prazas na gardería.

Dende o Grupo Municipal Socialista expoñen que nos últimos anos “incrementáronse de maneira significativa” os nacementos no municipio de Viana do Bolo. Pese a este aumento, dende o Concello nunca se estableceu ningún tipo de axuda para favorecer o aumento da poboación, “cousa que si acontece noutros concellos co establecemento de incentivos e axudas económicas que animan a incrementar os nacementos”, sinalan os socialistas, antes de apuntar que “ante esta carencia, queremos que polo menos non se poñan atrancos e continuemos co bo ritmo de nacementos”.

Os socialistas avogan porque os pais e nais “conten con todo tipo de facilidades para a crianza dos cativos e cativas e atopen por parte do Concello os servizos básicos e dignos que lles permitan desenvolver a súa vida familiar e a conciliación laboral”. O problema, en palabras da Agrupación Socialista de Viana do Bolo, radica en que a gardería infantil do municipio “carece de prazas suficientes para acoller aos nenos e ás nenas menores de tres anos, de tal xeito que varios teñen que desprazarse a gardería infantil do Concello de Vilariño de Conso”.

Un desprazamento, que por suposto, corre a cargo dos pais e nais, co custo económico e a incomodidade que supón, engadido aos problemas que lle poden supor no eido laboral. Para os socialistas estas incomodidades afectan tamén as crianzas e apuntan tamén ao “risco que supón unha viaxe de ida e volta por unha estrada sinuosa e estreita”. Dende o PSdeG-PSOE de Viana recalcan que o Concello “ten a obriga de prestar este servizo aos seus veciños e veciñas para que eviten desprazamentos a diario fora do municipio e para que os seus fillos e fillas poidan ter acceso á gardería sen ter que facer a diario 24 quilómetros en busca de atención para os seus fillos”.

Os socialistas finalizan afirmando que “debemos celebrar a importancia do incremento dos nacementos, que contribuirán de forma sistemática ao incremento da poboación e a rexuvenecer á veciñanza” e apuntan tamén a que para que isto sexa unha realidade “é de vital importancia que as familias teñan uns servizos dignos para os seus fillos e fillas”.