O Inorde presenta a memoria de actividades do 2021

IES CHAMOSO LAMAS

Este documento, dispoñible na páxina web, resume o traballo realizado no 2021 nos ámbitos da cooperación pública e privada, o turismo, o sector primario, e os proxectos europeos

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández presentou hoxe, á Comisión Executiva de dito organismo -reunida no Salón de Plenos do Pazo Provincial-, a memoria de actividades correspondente ao exercicio 2021. Trátase dun documento creado pola xerencia do Inorde que ten como obxectivo servir como ferramenta de transparencia que dea conta das actividades desenvoltas ao longo do ano. Este documento recolle todo o traballo realizado no 2021 nos ámbitos da cooperación pública e privada, o turismo, o sector primario, e os proxectos europeos nos que está inmerso este organismo.

HIPER MASIDE

“Durante este 2021 enfocamos os esforzos do Inorde a apoiar fundamentalmente ao sector turístico e agrogandeiro da nosa provincia, tal e como se reflicte neste documento, co fin de incidir na súa orientación cara a sustentabilidade e a dixitalización. Un traballo que se desenvolveu para dar resposta ás directrices marcadas no Plan de Mandato “7273” do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que é a folla de ruta que lidera o traballo do goberno provincial e que están aliñadas coa estratexia que marca Europa”, sinalou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.

“Ourense colleu velocidade” neste 2021, “un feito incuestionable que se viu reforzado coa chegada da Alta Velocidade o pasado mes de decembro, convertendo a nosa provincia no aeroporto terrestre de Galicia”, lembrou Rosendo Fernández. O Inorde está a desenvolver unha estratexia de desenvolvemento de produto e de posicionamento do destino orientado prioritariamente ao mercado madrileño, amparada baixo a marca turística OU. Neste senso realizouse un investimento importante participando en foros profesionais para impulsar tanto a comercialización do destino como a súa promoción ante potenciais visitantes (participación en FITUR, INTUR, e acordos de colaboración coa Asociación de Turoperadores de Receptivo de Galicia, entre outros), que está a dar os seus froitos coa creación de novos paquetes turísticos en toda a provincia por parte de diferentes empresas.

Turismo

Tamén destacou Fernández como outro dos fitos salientables desta anualidade, “lograr que a nosa candidatura impulsada aos Plans de Sostibilidade Turística en Destino, fose elixida de entre as 301 presentadas, o que nos permitirá investir máis de 3 millóns de euros nos 15 municipios rurais termais da nosa provincia, grazas a un convenio entre a Deputación de Ourense, a Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, xerenciado polo Inorde, como organismo adscrito á Deputación que ten encargadas as funcións turísticas”.

No ámbito do turismo deportivo, renovamos a alianza de cooperación coa Axencia de Turismo de Galicia “o que nos permitiu desenvolver diferentes eventos que lograron atraer a un perfil de visitante deportistas ao noso territorio procedentes de numerosas provincias españolas e Portugal, reafirmando a nosa capacidade como destino para acoller probas deportivas de primeiro nivel, e contribuíndo a dinamizar a vida social e económica da nosa provincia”, dixo o presidente do Inorde. Neste sentido, dado que se está a apostar pola especialización cicloturista, promovemos a celebración por primeira vez dunha proba na Ribeira Sacra. A outra liña de especialización está vencellada aos deportes náuticos na contorna do embalse de Castrelo de Miño. O Inorde prestou apoio a máis de 80 eventos deportivos celebrados na provincia.

A cooperación do Inorde con Renfe e a Xunta de Galicia permitiu tamén poñer en marcha unha nova campaña dos “Trens Turísticos de Galicia” que logrou un récord histórico de ocupación, coa venda do 97,6% das prazas dispoñibles nas 22 saídas que se fixeron polos 11 itinerarios ofertados nesta oitava edición, é dicir, vendéronse 1.495 billetes dos 1.532 que se ofertaron.

En materia turística complementouse o labor do Inorde mediante a reactivación dos Xeodestinos de Terra de Celanova- Serra do Xurés e Manzaneda-Trevinca-Valdeorras, así como a promoción da Vía da Plata-Camiño Mozárabe que foi a protagonista do lanzamento de Fitur, así como de numerosas publicacións durante o ano.

Sector primario

Por outra banda, o presidente do Inorde destacou o gran traballo realizado por este organismo a través do programa de Razas Autóctonas e do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo que, nin durante a pandemia viu paralizada as súas funcións, e que non só serve “para dar apoio técnico ao noso sector primario provincial, senón que ademais, os froitos deste traballo, permítenos realizar, en colaboración con Cáritas Ourense, cursos de formación en agricultura a persoas en risco de inclusión e destinar o seu traballo a entidades sociais sen ánimo de lucro como o Banco de Alimentos de Ourense”.

O Centro Agrogandeiro realizou ao longo do 2021 un total de 3.118 analíticas básicas de solo, 1.497 análises de determinación de globodera, 250 probas de calidade de pataca para ensaios propios, 5.000 de aptitude de pataca para o reemprego; entre outras estatísticas que están incluídas neste documento. Ademais, desde o Centro prestouse un total de 2.241 asistencias técnicas xa fora a través do teléfono, vía e-mail, nas instalacións do propio laboratorio, ou en visitas a fincas en todo o ámbito provincial.

A través do programa de razas autóctonas atendeuse, sobre todo, con sementais compatibles con eses rabaños, entre un 17-20% das explotacións de porco celta, cabra e ovella galega de Galicia. E, entregáronse 2.000 polos de mos, aproximadamente, a explotacións avícolas artesanais da provincia de Ourense.

Proxectos europeos

Por último, Rosendo Fernández destacou o traballo realizado polo Inorde a través dos sete proxectos europeos nos que estivo inmerso como, por exemplo, o Red Agriconect 4.0 (finalizado en decembro de 2021) “que nos permitiu formar a máis de 150 empresas e produtores en dixitalización nos sectores do viño, mel e castaña e acompañar a 30 empresas agroindustriais no seu plan de transformación dixital, entre outras”. Mentres que, o proxecto do Circular Labs fixo posible que se promovera a aposta por un modelo de economía circular entre o empresariado, así como crear “un laboratorio rural no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo, para axudar aos pequenos produtores nesa transformación”, engadiu o presidente do Inorde.

Pola súa parte, no marco do Keep On, no que o Inorde é o xefe de fila presentouse a “Guía de Boas prácticas”  sobre xestión do patrimonio cultural e analizáronse iniciativas locais que puideran ser candidatas ao POCTEP, e difundiuse o Plan de Acción de dito proxecto entre os xestores do patrimonio cultural. Neste mesmo sentido, continuouse a cooperar cos socios do proxecto europeo CRinMa para revalorizar o patrimonio das áreas de montaña. E, “participamos cos socios do proxecto “Camiños Jacobeos do Oeste Peninsular” en FairWay para promocionar nesta feira profesional os itinerarios xacobeos oficias da provincia de Ourense: o Camiño de Inverno e a Vía da Prata”, lembrou Rosendo Fernández.

No mes de abril finalizou o proxecto CTC-Limia_Lima_Cávado no que se traballou para o desenvolvemento do territorio a través da cooperación transfronteiriza. E, por último, o Inorde como socio do proxecto SoildiverAgro realizou diferentes ensaios na finca Antela para buscar alternativas que permitan un traballo máis sostible dos solos de cultivo.

Os interesados en coñecer polo miúdo o traballo realizado no 2021, poden acceder á memoria a través da páxina web do Inorde: http://inorde.com/gl/memoria-de-actividades-2/

Resumo de actividades:
Participación en 7 proxectos europeos
Proposta da candidatura do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “Ourense Provincia Termal” por valor de 3,1 millóns de euros.
Formación a 150 empresas e produtores en dixitalización nos sectores do viño, mel e castaña.
Acompañamento a 30 empresas agroindustriais da provincia no seu plan de transformación dixital.
Apoio loxístico a máis de 80 eventos deportivos da provincia.
Organización de 5 probas deportivas co apoio da Axencia de Turismo de Galicia.
Lanzamento da estratexia e da marca turística “OU”.
Récord de ocupación na oitava edición dos “Trens Turísticos de Galicia”.
Campaña de promoción “Ourense Colle Velocidade”, en Madrid.
Creación dunha guía de recursos MICE.
Acción formativa para o empresariado dos aloxamentos rurais.
A Unidade de Razas Autóctonas atendeu entre un 17-20% das explotacións de porco celta, cabra e ovella galega de Galicia; e entregou 2.000 polos de mos a explotación avícolas artesanais de Ourense.
O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro asistiu técnicamente a 2.241 demandas e fixo máis de 3.000 analíticas de solo.
Dotación do “Rural Lab” de Economía Circular