O Centro Sociocomunitario do Carballiño vén de presentar o programa de actividades para o actual mes de abril e que se desenvolverán nas instalacions desta entidade, situadas na avenida de Julio Rodríguez Soto da vila. A primeira consistirá nun obradoiro de cestería tradicional con vimbios, que terá lugar durante as tardes dos luns 14, 21 e 28. Ademais, aproveitando a celebración do Día Internacional do Libro, impartiránse, o día 21, un taller de costura creativa no que os participantes aprenderán a confeccionar unha funda de tela personalizada, e, tamén un marcapáxinas con pintura de diamantes, estando neste caso a inscrición aberta para tódalas idades.
Xa o día 29, o Centro acollerá ás 16,30 horas unha nova charla da Escola Galega de Saúde, na que Orlando Blanco Iglesias falará sobre “Estilos de vida saudables-Mindfulness”. Finalmente, dende a dirección da entidade anuncian que se retomará a formación nas novas tecnoloxías, con varios cursos de dixitalización gratuitos para maiores de 55 anos, organizados desta vez pola Fundación Impulsarse. Esta oferta contempla cursos básicos de internet e aplicacions móbiles; iniciación ás redes sociais; compras e vendas na rede e retoques de fotografía.