O tráfico e o estacionamento estarán restrinxidos desde o xoves en rúas do casco histórico de Ribadavia pola celebración da ‘Festa da Istoria’

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia prepárase para a celebración da XXXVII Festa da Istoria esta fin de semana. Os festexos e actividades arrancan o venres, 28 de agosto, e esténdense ata o domingo, día 30, o que obriga a realizar diversas modificacións no tráfico da vila. Nesta liña, o goberno local vén de emitir un bando municipal no que se recollen as medidas especiais tomadas para asegurar o correcto desenvolvemento da celebración.

Así, o tráfico e o estacionamento estarán restrinxidos nas rúas Salgado Moscoso, Banda La Lira, Yáñez e Praza de San Xoán desde o xoves, día 27, ás 18,00 horas, ata o domingo, día 30, ás 22,00 horas. O resto de rúas do casco histórico da vila terán o acceso e o aparcamento limitados desde o venres, día 28, ás 18,00 horas, ata o domingo, día 30, ás 22,00 horas.

O goberno local prega á veciñanza a máxima colaboración cos servizos municipais e coa organización da Festa da Istoria para que, unha vez máis, “desfrutemos ao máximo desta fin de semana” dun xeito seguro.

Unha festa respectuosa

Co fin de preservar a ambientación histórica, garantir a convivencia e o correcto desenvolvemento das actividades, o Concello prohíbe a utilización de altofalantes ou equipos de son que emitan música cara á vía pública ou resulten audibles desde o exterior (tanto na rúa como en locais de hostalaría, adegas ou vivendas particulares).

Por outra banda, tamén se restrinxe a instalación de barras na vía pública, excepto aquelas que contan coa autorización da coordinadora da Festa da Istoria.

O obxectivo do goberno municipal é manter a identidade e ambientación propia da Festa da Istoria, así como evitar a contaminación acústica e garantir que as actuacións, espectáculos e actividades oficiais poidan desenvolverse nas mellores condicións posibles.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------