O deputado Juan Carlos Francisco responsabiliza á Xunta da “non existencia” de protocolos para que se inicien as competicións deportivas de ámbito autonómico

O parlamentario autonómico dos socialistas ourensáns acusa ao goberno galego de confrontar co Estado, buscando o “escapismo” para fuxir das súas responsabilidades e non asumir as competencias

O secretario de organización do PSdeG-PSOE de Ourense esíxelle a Lete Lasa que “dea resposta aos miles de clubs galegos que seguen agardando polos protocolos e pola data de inicio das competicións”

AVANTAR ACTIVIDADES

 O deputado autonómico do PSdeG-PSOE de Ourense, Juan Carlos Francisco Rivera, responsabiliza á Xunta de Galicia da “non existencia” de protocolos contra o coronavirus para que se inicien as competicións deportivas de ámbito autonómico. O PSdeG presentou no Parlamento unha serie de iniciativas para coñecer a posibilidade do Goberno galego de planificar, ordenar, garantir e supervisar, de acordo coas federacións respectivas, o inicio das competicións deportivas federadas non profesionais en Galicia.

Os socialistas acusan ao ente autonómico de confrontar co estado, buscando o “escapismo” para fuxir das súas responsabilidades e non asumir as competencias propias. Francisco Rivera acusa ao secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete Lasa, de “non asumir as súa responsabilidades e de non dar resposta a milleiros de clubs de Galicia no ámbito afeccionado que a día de hoxe non teñen coñecemento de se vai a haber competicións, nin cando se van iniciar nin tampouco teñen coñecemento de protocolo de ningún tipo”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense califican de “ridículo absurdo” e “proposta non executable” o acordo adoptado pola Xunta en setembro polo que se permite o deporte autonómico en Galicia, sempre e cando se leve mascarilla e haxa unha distancia mínima de seguridade. “Como pensan regular esta iniciativa en deportes de club no que o contacto é básico?”, cuestiona o deputado socialista, que tamén apunta que “trátase dunha medida que se afasta da realidade e que amosa que a Xunta non fixo os deberes durante 6 meses e deixou todo a improvisación e as ocorrencias”.

Francisco Rivera tamén discrepa da decisión de xogar con mascarillas e lembra que nos últimos días foron varios os expertos médicos que puxeron o grito no ceo contra esta iniciativa, afirmando que “xogar con mascarilla a máis de 120 pulsacións pode provocar danos cardíacos irreparables”. O deputado tamén responsabiliza o goberno galego de “non establecer un protocolo mínimo no ámbito das súas competencias que non son outras que a autonomía galega e o seu deporte autonómico”.

Os socialistas tamén cuestionan que a Xunta establece un protocolo “totalmente diferente ao establecido a nivel nacional”, unha situación que provocará que en Ourense varios clubs de diferentes modalidades poderán xogar sen a mascarilla, namentres que o resto terán que empregala. “Esta situación xera desigualdades e amosa que o acordo da Xunta é unha ridiculez total”, explica Juan Carlos Francisco, que tamén apunta que “non damos creto a que se tomen protocolos distintos dentro dunha propia comunidade autónoma xerando desigualdades entre equipos, cando as únicas diferencias son as categorías nas que xogan”.