O Psdeg-Psoe de Ourense presenta unha batería de propostas para pór en valor a Vía da Prata

O Psdeg-Psoe de Ourense presenta unha batería de propostas para pór en valor a vía da prata “nun momento clave como é a chegada do ave e o xacobeo extraordinario”

Os socialistas propoñen a elaboración dun convenio con Renfe vencellado á chegada do AVE que permita potenciar a competitividade da ruta da Prata en relación a outros camiños

AVANTAR ACTIVIDADES

Instan ao goberno local a estudar a posibilidade de organizar eventos deportivos vencellados ao camiño, como unha ultramaratón que conecte Ourense e Compostela

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar unha batería de propostas para instar ás administracións local, provincial e autonómica a materializar o acordo plenario do pasado martes para pór en valor a Vía da Prata ante a sangría de peregrinos que padece este tramo do camiño, aproveitando un momento “clave” como é a chegada inminente do AVE a Ourense e a celebración do Xacobeo extraordinario.

“O pasado día 3 de agosto aprobamos unha moción para poñer en valor a vía da Prata” lembrou o concelleiro Javier Rey sobre a iniciativa, que contou co apoio unánime do pleno do Concello de Ourense, ao tempo que puxo de relevo que “para o PSdeG-PSOE é unha cuestión fundamental que non queremos que quede nunha declaración de intencións, e por iso propoñemos que se desenvolvan unha serie de medidas concretas”.  

A batería de propostas presentada polos socialistas de Ourense xira arredor de cinco eixos fundamentais como son un convenio con Renfe vencellado á chegada do AVE, a organización de eventos deportivos ligados ao ciclismo e ao atletismo, a unión entre o camiño e a oferta termal da cidade a través dun servizo de transporte e a elaboración de produtos turísticos dende o eido local, ademais da posta en marcha dunha campaña de promoción que xa constaba na moción aprobada de forma unánime polo pleno do Concello de Ourense.

Convenio con Renfe e ultramaratón, entre as propostas

“Gustaríanos establecer un convenio con Renfe e unha oferta de lanzamento co gallo da chegada do AVE, o cal permitiría unha maior competitividade desta ruta e un factor diferencial con outros camiños xacobeos”, abundou o socialista. Ademais, dende o grupo municipal socialista instan ao Concello de Ourense a estudar a posibilidade de organizar unha ultramaratón que conecte Ourense e Compostela, e que sirva de reclamo para dar a coñecer a cidade.

“Tamén propoñemos que se poña en funcionamento algún tipo de transporte para os peregrinos que acaben a ruta preto do noso concello, para que ao final do seu percorrido veñan a Ourense desfrutar da oferta turística e termal, combinando así lecer e ocio saudable” especificou o concelleiro, quen defendeu que o cuarto eixo tería relación coa creación de produtos turísticos para que os camiñantes que empecen a ruta dende Ourense poidan coñecer a contorna antes de emprender a súa peregrinación.

Por último, os socialistas piden que se cumpra o acordo plenario para o lanzamento dunha campaña de promoción conxunta entre Deputación Provincial e Xunta de Galicia que “alomenos compense en parte o investido na promoción doutras rutas homologadas”.

“Un canto á Vía da Prata”

Pola súa banda, o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino, asegurou que a proposta é “un canto á Vía da Prata, un camiño esquecido pola Xunta de Galicia”, ao tempo que lamentou o estado no que se atopa a contorna da Ponte Romana, por onde pasa precisamente este camiño: “dunha banda temos unha beirarrúa perigosa e abandonada e da outra unhas obras que asolagan de formigón este enclave monumental”, lamentou Villarino.

“Xustamente o que precisa esta provincia é un reequilibrio territorial no eido tamén do turismo que lle dea forza” defendeu, ao tempo que instou ás administracións a darlle a Ourense “o empuxón que precisa”.