A 15ª edición do festival Arteficial adapta a romaría a situación sanitaria

IES CHAMOSO LAMAS

O Festival Arteficial celebra este ano a súa 15a edición o Sábado, 4 de Setembro, na Alameda e no Auditorio do Castelo de Ribadavia (Ourense). A presentación tivo lugar hoxe na Casa do Concello de Ribadavia, e nela participou unha representación da Asociación Arteficial, Manuel Araujo e Claudio Vázquez, ademais de membros do Concello, a Tenente de Alcaldía, Paula Rodríguez e o Portavoz do goberno, Brais Fidalgo, así como membros da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).

O formato do festival desta edición, debido ao COVID-19, segue a ser diferente ao que estabamos acostumados, quedando a cabalo entre a edición de 2020 e as edicións pre-coronavirus. Será un acto conformado por catro concertos que se desenvolverán ao longo da tarde. Durante a mañá do sábado terán lugar outras actividades así como a presenza do Mercado das Sementes para os asistentes ao festival. Seguimos achegándonos pouco a pouco ao Festival Arteficial-Romería de Música e Cultura Alternativas de O Ribeiro que coñeciamos antes.

OZOCOgz Deseño Galego

Este ano os integrantes do cartel dividiránse en dous escenarios. Na Alameda de Ribadavia actuarán Laura Lamontagne & Pico Amperio, que mesturan a tradición lírica galego-portuguesa das cantigas de amigo con ritmos electrónicos e ambientes íntimos. O segundo grupo confirmado para esta edición foron Os Amigos dos Músicos, banda ourensá formada por experimentados musicos que mesturan entre eles diferentes tradicións e estilos (os seus integrantes forman parte de bandas como Neno e Pistola, Blood Filloas ou Cinnamon Gum). O terceiro artista que tocará na Alameda de Ribadavia é Niki Moss, alterego de Miguel Vilhena (vocalista da banda Savanna) multi-instrumentalista que promete unha boa dose de enerxía e psicoledia para esta nova edición.

O encargado para encher o Auditorio do Castelo de Ribadavia será Noiserv. Unha banda dun só home que nos amosará un dos proxectos máis creativos e estimulantes de todo Portugal “Uma palavra começada por N”, capaz de tocar a cada persoa dun xeito íntimo.

Para completar a programación desta edición e para non olvidar os espazos que representan a este festival, como é a Praza da Madalena, no casco histórico da vila, nela terá lugar unha exposición dunha recreación de fotos antigas atopadas nos Arquivos do Museo Etnolóxico de Ribadavia, que se poderán ver penduradas dos balcóns das casas colindantes á praza. E repetindo a experiencia do ano pasado, o Museo Etnolóxico de Ribadavia tamén acollerá no seu interior unha exposición organizada pola Asociación Arteficial.

O recinto do festival conta cunha barra na que adquirir bebidas, pero non contaremos con postos de comida. Haberá filas únicas de acceso ao servizo, de tal modo que se vaia ocupando o posto ou unidade que quede libre, por orde. Nos aseos, estableceranse filas únicas e de acceso ao servizo de tal modo que se vaia ocupando o posto ou unidade que quede libre, por orde. Os aseos contarán con limpeza continuada por unha empresa con servizo certificado.

Debido á COVID-19, o aforo redúcese a 175 persoas nos concertos da Alameda, e 300 para o concerto ubicado no Auditorio do Castel de Ribadavia, sempre respetando as medidas de seguridade establecidas para a prevención de contaxio de coronavirus. 

As condicións de acceso e permanencia no recinto están suxeitas á normativa vixente en materia sanitaria para previr os contaxios por Covid-19, e poden sufrir modificacións en función da aprobación de novas normas que modifiquen as condicións vixentes no momento de adquisición da entrada. É obrigatorio o uso de máscara, e haberá xel desinfectante no recinto que será proporcionado a todos os asistentes.

O Festival Arteficial está patrocinado polo Concello de Ribadavia, Músicas ao Vivo, Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Doppler Gestión Cultural, Cruz Vermella, Cervezas Alhambra e Vermú Lodeiros.