O PSOE de Punxín reclama o arranxo inmediato do alumeado en Vilela

IES CHAMOSO LAMAS

O PSdeG-PSOE de Punxín reclama o “inmediato arranxo” do alumeado público de Vilela, tras “dúas semanas coa veciñanza sumida na escuridade absoluta”, por culpa da total desidia e o completo abandono do goberno local. A voceira do grupo municipal socialista, Lorena Peleteiro, critica que a veciñanza “está a sufrir importantes trastornos” sen que o executivo municipal deste municipio ourensán “faga absolutamente nada para devolver a situación á normalidade”.

As concelleiras do PSOE explican que, desde que se procedeu ao cambio das vellas bombillas por novas luminarias tipo led, a veciñanza está sen ningún tipo de alumeado público noite tras noite. Apunta Peleteiro que “desde o noso grupo entendemos que poidan existir problemas puntuais no momento da instalación”, pero “o que non entendemos baixo ningunha escusa é que a veciñanza de Vilela leve dúas semanas ás escuras, polo que esiximos que se resolva o problema sen máis demora”.

OZOCOgz Deseño Galego

As socialistas denuncian que “o rexedor ignora por completo as reivindicacións e necesidades reais dos veciños e veciñas” porque “é incomprensible que, tras máis de dúas semanas sen alumeado público, aínda non se dea por enterado”. “Estar sen ningún tipo de luz pública en plena noite durante tanto tempo pode incrementar o risco de vandalismo e prexudicar a seguridade”, salientan.

“A falta de iluminación debido a que unhas luminarias completamente novas e recentemente instaladas estean abandonadas é esperpéntica”, resaltan as edís socialistas antes de aseverar que “a situación que están padecendo as persoas de Vilela por culpa do alcalde e os seus concelleiros é vergoñenta e impropia”. Desde o PSdeG-PSOE conclúen sinalando, unha vez máis, que este goberno municipal “amosa a súa total incapacidade para traballar activa e eficientemente por Punxín”.