Un total de cinco empresas presentan ofertas para executar as obras da reforma do centro de saúde de Ribadavia

O obxectivo principal da reforma é a rehabilitación e actualización da envolvente térmica do edificio, así como a substitución total da cuberta para dotar ao inmoble de maior confort e eficiencia enerxética

Un total de cinco empresas veñen de presentar ofertas para executar as obras da reforma do centro de saúde de Ribadavia (Pontevedra), nas que a Xunta de Galicia ten previsto investir 692.815 euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

O obxectivo principal da reforma do centro de saúde de Ribadavia é a rehabilitación e a actualización da envolvente térmica do edificio. Levarase a cabo un illamento térmico integral, instalando un sistema que mellore a eficiencia enerxética do edificio. Farase unha substitución total da cuberta, incluída a estrutura, substituíndo as chapas metálicas por paneis sándwich con illamento térmico no seu interior; e, tamén, os cerramentos verticais, polo que se cambiarán as carpinterías exteriores por unhas ventás con persianas e vidros dobres baixo emisivos e aplicarase un sistema de illamento térmico exterior.

Así mesmo, realizarase a substitución das lamas de protección solar por uns perfís de aluminio de sección elíptica, que permita unha maior visibilidade exterior sen reducir o control solar, e mantendo a imaxe horizontal do edificio. Aproveitarase esta intervención para pintar o interior e para unha reforma integral dos aseos dos andares baixo, primeiro e segundo, xa que non había aseos accesibles.
A obra obxecto deste expediente de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

A licitación desta obra de reforma significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria que hai na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 87 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre 74.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as sete obras que están en marcha. En total, o investimento da administración autonómica nestes 12 anos suma máis de 115 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Esta lexislatura comezou co compromiso da Xunta de completar unha renovación integral do Sergas. En consecuencia, os Orzamentos para 2021, os primeiros desta lexislatura, contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para atención primaria, pasando de 26 millóns en 2020 a 55 millóns de euros neste ano 2021.

Engadido a todo o anterior, a Xunta ten intención de continuar esa renovación integral da Atención Primaria con dúas iniciativas. Por un lado, un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, no que definiranse as actuacións prioritarias para o Sergas, e, por outro, unha reforma organizativa deste nivel asistencial, que aposte por un modelo máis resolutivo e máis multidisciplinar, para o que Sanidade está a traballar no Consello Técnico de Atención Primaria con todos os colectivos, e para o que se creou unha Dirección Xeral de Reforma Sanitaria que pilote o proceso