A Deputación entregará os premios do concurso Estatuto de Autonomía de Galicia o día 6 de abril, no Teatro Principal

IES CHAMOSO LAMAS

O xurado decidiu os gañadores deste concurso para escolares, co que a institución provincial quere conmemorar a aprobación do Estatuto de Autonomía e contribuír á difusión do seu contido entre o alumnado ourensán

Foron seleccionados 40 traballos dos case 400 presentados entre as modalidades de debuxo e redacción de centros de toda a provincia

OFERTA DE TRABALLO EN AVIÓN

A Deputación entregará as distincións da novena edición do Premio Estatuto de Autonomía de Galicia no mediodía do mércores 6 de abril, no Teatro Principal. A institución provincial informou esta mañá aos gañadores das diferentes categorías despois de que o xurado, presidido polo vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, deliberase onte na sala de xuntas do Pazo Provincial, seleccionando a un total de 40 traballos dos case 400 presentados entre as modalidades de debuxo e redacción. 

Os alumnos premiados pertencen aos centros CEE O Pino, CEIP de Sandiás, CPR María Inmaculada de Verín, CPR Padre Feijóo Zorelle, CPR Sagrado Corazón de Carballiño, CPR Plurilingüe La Purísima, CPR Miraflores e Divina Pastora Franciscanas. 

Conmemorar o Estatuto de Autonomía e difundir o seu significado entre os escolares

A novena edición deste premio anual ten como lema “As competencias exclusivas de Galicia nas augas minerais e termais (Ourense a provincia termal)”. Con esta convocatoria, a Deputación quere conmemorar a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia e contribuír á difusión e coñecemento do seu contido e significado entre a poboación escolar.

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, puideron participar neste certame estudantes de infantil, primaria, educación especial e ensinos secundarios obrigatorios, así como de bacharelato e ciclo medio de FP, de centros de ensino en xeral -tanto públicos como concertados ou privados- da provincia de Ourense. As modalidades do concurso foron dúas; o alumnado de educación infantil, primaria e educación especial presentaron debuxos e traballos artísticos; mentres que o resto concursaron cunha redacción en galego sobre o Estatuto de Autonomía cunha extensión mínima de 7 folios e máxima de 12.