O BNG pide por rexistro o plan de turismo que xustifica a peonalización e a acta de concesión do Premio Celanova á Residencia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O BNG Celanova rexistrou dúas peticións no Concello de Celanova dirixidas a Alcaldía para que o goberno local aclare dúas cuestións que o alcalde non soubo responder no anterior pleno, noutro exercicio de abandono de responsabilidades e intento de agochar o debate publico.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O BNG Celanova reclama do goberno municipal o plan de turismo que xustifica o chamado proxecto de HUMANIZACIÓN DEL CASCO HISTÓRICO PARA FOMENTO DEL TURISMO e que o alcalde, no pleno de xullo, dixo que non “coñecía” e convidou ao concelleiro do BNG a “preguntar” el mesmo ao técnico encargado do estudo chamado de humanización -que, en realidade, é un simple re-ordenamento do tráfico de acceso aos aparcadoiros-.

O BNG considera unha grave irresponsabilidade que o alcalde e o seu grupo de goberno acordaran levar adiante un proxecto vinculado ao FOMENTO DEL TURISMO sen coñecer a realidade do turismo na vila e as accións precisas para mellorar a situación. As nacionalistas lembran no escrito que “non é o concelleiro do BNG quen ten que ‘preguntar’ ao técnico ao que se lle encargou e pagou o proxecto (uns 20.000 euros) polo plan de turismo que xustifica a actuación; é o alcalde quen ten a obriga de coñecer e informar sobre todos os aspectos que xustifican e implican calquera acción municipal. Ter que repetir isto a estas alturas evidencia a falta de cultura democrática do alcalde e do seu grupo de goberno, incluídos os seus socios do PSOE, e do seu sentido da responsabilidade política”.

Por outra banda, o BNG tamén solicitou por rexistro que o alcalde, en calidade de presidente da Fundación Curros Enríquez, entidade que desenvolve o seu labor con financiamento e persoal municipal, faga pública a acta do fallo do Premio Celanova Casa dos Poetas 2021.

O alcalde tamén eludiu esta cuestión no último pleno, despois de que o BNG denunciara o uso político do Premio, que nesta edición recae na Residencia San Carlos -hoxe en mans da Fundación San Rosendo. O BNG quere coñecer que membros do padroado da Curros Enríquez acordaron conceder o galardón á Residencia e, en concreto, preguntou se os reitores das tres universidades galegas, a presidenta do Consello da Cultura, o presidente da RAG e o escritor Xosé Luis Méndez Ferrín participaran da deliberación e da decisión.

O alcalde dixo que non sabía quen participou no debate.

O BNG considera que o padroado, inzado de membros do PP local, absolutamente alleos ao ámbito cultural, adoptou unha decisión para lavar a nefasta xestión da Xunta de Galiza nas residencias do país, e singularmente na Residencia de Celanova, onde o abandono á súa sorte das usuarias, as familias e as traballadoras foi notorio e denunciado por elas mesmas. O BNG considera ademais que o alcalde, xunto cos seus socios de gobernos, os edís do PSOE, asumiu en silencio este abandono e mesmo se prestou a tapar a nefasta xestión da Xunta -con actos como o discurso acompañado da banda en xuño do ano pasado-, e finalmente boicoteou unha saída con respaldo público á crise financeira do centro que acabou en mans dun dos grandes operadores de residencias do Estado.

QUEIXAS VECIÑAIS

O BNG mostra mostra a súa preocupación polas respostas displicentes que se están a dar desde o goberno local de Celanova Decide+PSOE ás queixas da veciñanza polo estado de rúas e problemas ordinarios. As nacionalistas levarán o próximo pleno os casos de veciñas e veciños que demandaron actuacións nas súas rúas e se toparon coa indolencia dos concelleiros, casos acontecidos nas últimas semanas na rúa Manuel Lezón por problemas ocasionados polo aumento da densidade de tráfico nesa rúa; no Areal ou na zona do Colexio Curros Enríquez polo estado de camiños e estradas; ou na rúa Encarnación, pola substitución de luminarias.

EN DEFENSA DA CASA DA NEVE

O BNG apoia a Marcha en Defensa da Casa da Neve, convocada para o 4 de setembro pola plataforma comarcal Stop Eólicos Xurés-Celanova. As nacionalistas lembran que presentarán iniciativas no Concello e no Parlamento galego para exixir a protección dos lugares históricos de Celanova.