Un informe do Servizo Municipal de Intervención de Ribadavia advirte sobre unha posible sobrecarga na conta de gastos do Concello de Ribadavia para o vindeiro exercicio económico de 2027 se non se toman medidas en relación con dous convenios asinados coa Xunta de Galicia. Ao respecto, o grupo municipal de Ribeiro en Común vén de alertar sobre este extremo, propoñendo un “cambio de convenios que supoña que a parte económica que debe poñer o Concello en ambos convenios coa Xunta sexa adiantada a través a cooperación coa Deputación Provincial”.
Concretamente, Ribeiro en Común refírese ás achegas comprometidas polo Concello ribadaviense de 448.000 euros da obra da Praza de Abastos, “derivada dos 160.000l euros que ten que poñer o Concello máis o 20% de 1.440.000 euros, que tamén ten que adiantar o Concello, do total que poñen Xunta e Deputación”, ademais doutros 400.000 euros “que tamén ten que adiantar o Concello para o edificio do antigo Consello Regulador, a través do Convenio coa Xunta e AGADER”.
“En 2027 non sabemos quen vai estar gobernando o Concello de Ribadavia, pero o que si sabemos é que o novo goberno, que decidan os veciños nas urnas, vai comezar a lexislatura coas contas hipotecadas. Así o advirte o informe de intervención, se non se rectifican os convenios previstos coa Xunta e a subida de salarios do persoal municipal”, un incremento nas nóminas dos traballadores de ao redor de 500.000 euros para o vindeiro ano, contemplada na RPT, tal e como expoñen dende esta formación política.


















