A Residencia de Tempo Libre segue a contribuír ó turismo no Carballiño

O establecemento acolle na actualidade o programa de vacacións en familia

A Residencia de Tempo Libre do Carballiño é unha das referencias da tempada estival e de recreo na vila. Dende hai décadas son moitas as familias e os visitantes que se teñen decantado por este establecemento que conta cunhas destacadas instalacións e que se atopa nun espazo privilexiado, xa que está ao pé do parque municipal do Carballiño.

AVANTAR ACTIVIDADES

A pandemia do coronavirus afectou, como non podía ser doutro xeito, ao funcionamento da Residencia de Tempo Libre e neste 2021 as instalacións están a recuperar, coas medidas sanitarias derivadas da pandemia, a actividade de xeito progresivo.

As instalacións deste establecemento do que é titular a Xunta de Galicia reabriron as súas portas en xullo, acollendo nas primeiras semanas os grupos dos participantes nos campamentos xuvenís e para persoas con discapacidade organizados polo Goberno galego. Na actualidade a Residencia de Tempo Libre ten como usuarios aos participantes do programa <Vacacións en familia>.

A tempada dos programas organizados remata o vindeiro día 10 de setembro, aínda que as dependencias da Residencia de Tempo Libre retoman a actividade cando se conta con grupos organizados que solicitan facer uso das súas instalacións. O establecemento conta con 162 prazas, aínda que coas actuais condicións sanitarias derivadas do coronavirus só se ofertan 75 prazas para poder cumprir todas as medidas sanitarias en vigor.

A Residencia de Tempo Libre do Carballiño vai camiño dos seus sesenta anos de historia. Foi inaugurada en 1961 e daquela recibiu o nome de Residencia General Moscardó e estaba destinada a ofertar quendas de vacacións para os traballadores. Coa chegada da autonomía e o traspaso de competencias, as instalacións da Residencia de Tempo Libre, denominación actual, pasaron a ser propiedade da Xunta de Galicia.