A Xunta declara o casco histórico de Ribadavia como a área Rexurbe, titulo que permitirá a súa rehabilitación e dinamización

Na área Rexurbe realizaranse actuacións públicas e privadas dirixidas á mellora dos inmobles existentes e dos espazos públicos, xunto con medidas sociais, ambientais e económicas dirixidas á mellora das condicións de vida, a creación de riqueza e postos de traballo e a dinamización demográfica. A área Rexurbe é unha nova figura creada pola Lei de rehabilitación que inclúe medidas de dinamización social, demográfica e económica. A de Ribadavia é a terceira que se declara en Galicia despois da de Mondoñedo, e da cidade da Coruña.

Incluirá todo o ámbito do Conxunto Histórico da vila, que tamén conta con área de rehabilitación integral. A superficie total da área é de 0,108 quilómetros cadrados e existen nela 459 edificios cun total de 709 vivendas. Dese total, 263 edificios atópanse en estado deficiente, malo ou ruinoso. Unha vez realizada a declaración da área Rexurbe Ribadavia, o concello deberá redactar un plan de dinamización da mesma, na que se indiquen as medidas para adoptar e actuacións que se deben levar a cabo e o custe estimado das mesmas.

AVANTAR ACTIVIDADES

O plan de dinamización que redacte o concello será sometido a consultas cos organismos incluídos no mesmo antes de sometelo á aprobación do Consello da Xunta de Galicia. O Instituto Galego da Vivenda e Solo pretende adquirir este ano inmobles para rehabilitar no ámbito do conxunto histórico de Ribadavia, destinando a tal fin 200.000 euros.