A Xunta axudará a 23 concellos ourensáns con máis de 72.000 euros fronte ao cambio climático

IES CHAMOSO LAMAS

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá aos concellos de A Pobra de Trives e Manzaneda, onde anunciou que un total de 23 concellos ourensáns recibirán algo máis de 72.000 euros en axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para redactar os seus propios Plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (Paces), unha ferramenta de carácter técnico co obxectivo de avanzar na loita contra o cambio climático e o quecemento global en clave local.

Este é o segundo ano que a Xunta lanza unha orde de axudas dirixida especificamente ás entidades locais adscritas ao Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía co fin de axudalas na redacción dos seus respectivos Paces.

HIPER MASIDE

Concretamente, os municipios da provincia de Ourense que resultaron beneficiarios ao abeiro desta última convocatoria son Castrelo do Val, Amoeiro, Leiro, Oímbra, Paderne de Allariz, Parada de Sil, Sandiás, A Mezquita, A Pobra de Trives, Monterrei, Petín, Vilardevós, A Merca, Porqueira, Baltar, Castro Caldelas, Cualedro, Larouco, Lobios, Ribadavia, San Amaro, Sarreaus e Trasmiras.

En total no conxunto de Galicia concedéronse 70 subvencións a outros tantos concellos por un importe de 337.000 euros, atendéndose así o 100% das solicitudes recibidas. Estes municipios súmanse aos 176 que están a traballar actualmente na elaboración do seu propio plan de xeito que, a día de hoxe, pode dicirse que preto de 250 entidades locais galegas xa están comprometidas de forma activa na loita contra o cambio climático.

Un Paces consiste basicamente na elaboración dun inventario de referencia de emisións de gases de efecto invernadoiro e na avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. Grazas a estas axudas da Xunta, os municipios poden afrontar o custo dos traballos de asistencia técnica necesarios para a súa elaboración.

Deste xeito, dáse cumprimento a un dos compromisos que asumen os concellos no momento da súa adhesión ao Pacto das alcaldías, integrando a loita fronte ao cambio climático como unha das variables que deben estar presentes na definición das políticas locais, tanto para reducir as emisións e mellorar a eficiencia enerxética, como para adaptarse ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o planeta.

Reunións de traballo nos concellos de A Pobra de Trives e Manzaneda

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, aproveitou a súa estadía nos concellos de A Pobra de Trives e Manzaneda para manter reunións de traballo cos correspondentes alcaldes, Patricia Domínguez e Amable Fernández, onde analizou as principais demandas destes municipios en relación á Administración autonómica.

No caso do municipio de A Pobra de Trives,  o delegado territorial puxo  en valor os recentes investimentos da Xunta no concello como os da Consellería do Medio Rural de 50.136 euros dentro das axudas do Plan de mellora de camiños municipais e de acceso a parcela agrícolas; as de Presidencia, Xustiza e Turismo de preto de 34.000 euros para a cuberta e reforma do parque infantil no Paseo de San Roque e a brigada medioambiental conxunta con San Xoan de Río cunha aportación máis de 34.000 euros.

Gabriel Alén tamén salientou as achegas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, de case 44.000 euros para as obras de abastecemento, saneamento e depuración no lugar de Sobrado e o programa de apoio aos CIMs da Consellería  de Emprego e Igualdade de 52.881 euros compartido cos concellos de Castro Caldelas, Manzaneda e San Xoan de Río.

En canto ao concello de Manzaneda, o delegado territorial tivo a ocasión de analizar xunto co seu rexedor, Amable Fernández, as necesidade do seu concello e as aportacións do Goberno galego. Foi o caso das axudas de máis de 37.000 euros do Plan de mellora de camiños municipais e de acceso a parcela agrícolas da Consellería do Medio Rural; a achega da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, de case 20.000 euros para as obras de mellora da EDAR, o programa de apoio aos CIMs da Consellería  de Emprego e Igualdade de 52.881 euros compartido cos concellos de Castro Caldelas, San Xoan de Río e A Pobra de Trives ou a brigada medioambiental conxunta con Chandrexa de Queixa cunha aportación máis de 32.000 euros.