Manuel Baltar reclama “o merecido recoñecemento oficial” como ruta xacobea para o Camiño Miñoto Ribeiro

Tras participar nunha andaina aberta á cidadanía e organizada polos populares de Ribadavia

O candidato á reelección da presidencia do PP provincial, que acompañou ao presidente da agrupación local de Ribadavia, César Fernández, e un grupo de camiñantes, comprobou “o enorme potencial turístico que ten este impresionante camiño, cuxo recoñecemento suporía un recurso máis para a dinamización dun territorio con atractivos tan importantes como o viño, o patrimonio natural e arquitectónico ou o termalismo”

AVANTAR ACTIVIDADES

O candidato á reelección da presidencia do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, reclamou hoxe “o merecido recoñecemento oficial” como ruta xacobea para o Camiño Miñoto Ribeiro. Unha declaración “que engadiría un novo atractivo turístico aos numerosos recursos que xa posúe esta fermosa comarca”, afirmou tras participar nunha andaina organizada polos populares de Ribadavia e aberta a toda a cidadanía para poñer en valor esta ruta.

Manuel Baltar, que acompañou ao presidente da agrupación local do PP de Ribadavia, César Fernández, e un grupo de camiñantes durante un traxecto de 12 quilómetros, dentro da etapa que partiu da capital do Ribeiro e remataba en Pazos de Arenteiro, comprobou “o enorme potencial turístico que ten este impresionante camiño, cuxo recoñecemento suporía un recurso máis para a dinamización dun territorio con atractivos tan importantes como o viño, o patrimonio natural e arquitectónico ou o termalismo”.

O candidato á presidencia do PP ourensán enmarcou a súa participación nesta andaina “na incansable e permanente defensa que desde o noso partido facemos dos valores da provincia e das súas comarcas, apoiando calquera iniciativa que teña por obxecto facer máis visibles os seus recursos”, citando nesta liña actividades como o festival Espírito Ribeiro, que onte venres comezou en Arnoia, hoxe celébrase en Castrelo de Miño e remata mañá domingo en Cenlle, e onde á iniciativa destes tres concellos o público está a gozar de espectáculos musicais, de humor, experiencias gastronómicas e mercado de proximidade con produtos locais.