A mostra “+OITO” exhibe no “Marcos Valcárcel” obras da Deputación recuperadas pola Escola de Conservación e Restauración de Galicia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” abre hoxe a exposición colectiva “+OITO”, unha mostra que recolle o resultado da restauración de oito lenzos propiedade da Deputación de Ourense, con graves problemas de deterioro. O proceso durou máis de doce anos e que foi realizado pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que puxo en valor estas obras singulares, de gran valor artístico e patrimonial, algunha delas con máis de cen anos de historia.  

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Entre as pinturas recuperadas compre salientar dous retratos realizados por Román Navarro G. Vinuesa ao Bispo Cesáreo e a Juan XXIII, xunto cun retrato de José Calvo Sotelo, realizado por Jesús Soria. Ademais da exposición destes oito lenzos, algún deles de gran formato, a mostra conta coa proxección dun vídeo no que recolle parcialmente o estado orixinal dos cadros e o resultado conseguido despois do longo e laborioso proceso de restauración. 

O vicepresidente da Deputación de Ourense César Fernández, quen visitou a mostra acompañado polo asesor de Cultura, Aurelio Gómez Villar e o director do Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, Francisco González, dixo que a recuperación destas pezas “é un exemplo de colaboración institucional, neste caso entre a Deputación de Ourense a través do Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, e a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, dependente da Xunta de Galicia”.