As conferencias dos historiadores Rosa Cid Galante e Julio Prada abrirán mañá sábado (11,00 no salón de plenos da Casa do Concello de Celanova) os actos de homenaxe ás represariadas no cárcere de mulleres de Celanova entre 1936 e 1938. Despois das conferencias, ás 13 horas, descobrirase unha placa que sinala como Lugar de Memoria o edificio dos actuais xulgados na Praza das Pitas, que albergou o vello cárcere. Participarán no acto dúas familias de represariadas, as de María Del Valle Lozano e Salud Torres Díaz, quen despois de pasar pola cadea en Celanova serían asasinadas en Xinzo o 29 de outubro de 1937. O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que organiza a homenaxe en colaboración co Concello de Celanova, leva documentados os nomes de 100 mulleres que penaron naquel presidio, o primeiro para reprimir a mulleres que se abriu na provincia tras o golpe de Estado.
HOMENAXE ÁS MULLERES REPRESARIADAS NO CÁRCERE DE CELANOVA (1936-1938)
Palestras de Rosa Cid e Julio Prada
11,00 horas
Casa do Concello, Praza Maior.
Descobremento da placa
13,00 horas
Edificio dos xulgados, Praza das Pitas.
Interveñen: Celia Inés Feijóo Soto, presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova; Teresa Barge Dapía, concelleira de Igualdade; Rochi Nóvoa, poeta; e familias Gómez Del Valle e Torres Díaz.