A Xunta destina máis de 9,6m de euros a financiar 28 obradoiros duais de emprego na provincia de Ourense

Esta mañá o delegado territorial da Xunta fixo o anuncio

  • O delegado territorial subliñou que se poderá ofrecer formación e un contrato de traballo a 552 desempregados, un 76% máis que a convocatoria anterior
  • Gabriel Alén resaltou que 82 concellos da provincia resultaron beneficiados desta orde de axudas
  • O representante do Goberno galego sinalou que as persoas desempregadas que participen nestes programas poden acceder ao longo de 9 meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, informou esta mañá que a Xunta de Galicia financiará 28 obradoiros duais de emprego, un 75% máis que a convocatoria anterior (16), que se desenvolverán en 82 municipios da provincia de Ourense, un 89% do total de concellos da provincia e un 60% máis de beneficiados co ano anterior (51) e suporán a contratación de 552 persoas, un 76% máis, entre alumnos-traballadores, persoal de dirección, administración e monitores ca edición 21/22 (313), aos que destinará 9.671.709 euros; case un 80% de incremento (5,4M de euros).

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial explicou que isto débese ao esforzo da Xunta na ampliación do orzamento dedicado á convocatoria de axudas dos obradoiros duais emprego para 2021-2022 que se incrementa nun 48%, o que son máis de 11 millóns de euros co afán de poder resolver o 100% das solicitudes presentadas. Así, o programa conta con 34,2 millóns de euros coa previsión de poder ofrecer formación e un contrato de traballo a preto de 1.900 persoas sen emprego e poder implementar 94 obradoiros en toda Galicia.

Gabriel Alén sinalou que as persoas desempregadas que participen nestes programas, que desenvolven os concellos, mancomunidades e entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, poden acceder ao longo de 9 meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo. Ademais, unha vez remate o obradoiro, os alumnos e alumnas teñen a opción de traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para este fin, a Xunta concede incentivos á contratación.

É meta dos obradoiros duais de emprego o incremento das oportunidades laborais dos galegos e galegas. Teñen unha triple dimensión: mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade da man dos expertos que a imparten; desenvolver actuacións de mellora en espazos públicos, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; ademais de colaborar coas entidades locais galegas para incrementar o emprego nos concellos.

Para acceder a estes obradoiros priorizaránse ás persoas que teñan especiais dificultades de inserción no mercado laboral como son, entre outros, as persoas emigrantes retornadas; as mulleres; as vítimas de violencia de xénero; as persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; as persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, excepto para os certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 3 nos que se require unha maior formación; e persoas con discapacidade.

Obradoiros con características determinadas

Prímanse os programas que inclúan formación forestal (Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa e Melón); cualificación en conservación, reforma e posta en valor das rutas de peregrinación delimitadas do Camiño de Santiago (San Cristovo de Cea e Xinzo de Limia); os obradoiros que teñan por obxecto actuacións enmarcadas en proxectos de Aldeas Modelo dirixidas á recuperación da capacidade agronómica do perímetro do proxecto e á rehabilitación e recuperación arquitectónica e urbanística (Pereiro de Aguiar); e os programas promovidos por concellos que teñan todo ou parte do seu termo municipal incluído en áreas declaradas Reservas da Biosfera (Bande).

Apoio ao emprego local

A actuación enmárcase na aposta do Goberno galego por incrementar a inclusión laboral e a estabilidade dos galegos e galegas e por colaborar cos concellos na contratación de persoas desempregadas. Así, neste senso, destacan, entre outros, as axudas destinadas á contratación de 700 persoas perceptoras da Risga, que contan cun orzamento de 7,7 millóns de euros en toda Galicia para dar apoio a 165 concellos ou agrupacións de municipios; as axudas para apoiar a contratación de persoas sen emprego para a realización de servizos de interese xeral e social nas que este ano o investimento é de 1,5 millóns de euros para a contratación de 464 socorristas en 163 concellos galegos, ou o programa Aprol Rural para apoiar a contratación de 505 persoas sen emprego en 284 concellos a través dun investimento de sete millóns de euros.

Así mesmo, a Consellería de Emprego e Igualdade promove os obradoiros para menores de 30 anos nos que participarán 300 mozos e mozas, un programa que conta cun orzamento próximo aos sete millóns. Neste eido, tamén destacan os programas integrados de emprego cun orzamento de 10 millóns de euros ou as axudas aos orientadores laborais con 6,8 millóns de presuposto. De feito, a Xunta leva activados este ano, incluído o orzamento dos obradoiros duais, máis de 74,2 millóns de euros para apoiar o emprego local.

O Executivo autonómico traballa así nunha recuperación económica que pon no seu eixo de actuación ás persoas mediante o seu benestar da man do emprego e a inserción laboral, feitos que non se entenden sen a adecuada e progresiva formación e capacitación.