A Xunta e o concello de Maside asinan o convenio para reformar o centro de saúde

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asina un convenio de colaboración co alcalde de Maside, Manuel Iglesias Araújo, para a reforma do centro de saúde desta localidade.
Publicidade ASPADISI

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Maside, José Manuel Iglesias Araújo, asinaron esta mañá un acordo bilateral no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade. No acto, estiveron acompañados pola directora xeral de Recursos Económicos, María Jesús Piñeiro Bello.

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 48.399 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais pola Xunta e o concello. O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde e o papel de intermediación do delegado territorial para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde desa localidade contarán, a partir do ano que vén, cun centro de saúde mellor e máis confortable, ademais de mellorar a eficiencia enerxética do edificio e aforrar no  consumo.

As obras, logo do informe dos técnicos do Sergas, consistirán na renovación da carpintería exterior, a adaptación do aseo, acabados interiores e a renovación da calefacción.

Publicidade Premer na Imaxe

Renovación de infraestruturas de atención primaria

A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria que hai na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 89 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as catro obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 115 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Carballeda de Avia, A Peroxa (Os Peares), Vilamarín, Barbadás (A Valenzá) e Pontedeva. Nesta lexislatura véñense de poñer en marcha os centros de saúde de Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz, e xa está licitada a redacción do proxecto para o novo CIS de Ourense. Asinouse tamén o protocolo para iniciar a construción do novo centro de saúde en A Rúa. Ademais están xa reformados,  nestes últimos anos, a través de cofinanciamento cos concellos, os centros de saúde de A Rúa, Gomesende, O Bolo, Amoeiro, Muíños, Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios e Cenlle.  E están xa licitadas as obras de reforma dos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia. Ademais están asinados neste 2021 convenios para reformas de centros de titularidade municipal ao 50% cos concellos de Rairiz de Veiga, Beariz, O Bolo, Amoeiro, Vilardevós e Baltar.  

Esta lexislatura comezou co compromiso da Xunta de completar unha renovación integral do Sergas. En consecuencia, os Orzamentos para 2021, os primeiros desta lexislatura, contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para atención primaria, pasando de 26 millóns en 2020 a 55 millóns de euros neste ano 2021.

Engadido a todo o anterior, a Xunta ten intención de continuar esa renovación integral da Atención Primaria con dúas iniciativas. Por un lado, un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, no que se definirán as actuacións prioritarias para o Sergas, e, por outro, unha reforma organizativa deste nivel asistencial, que aposte por un modelo máis resolutivo e máis multidisciplinar, para o que Sanidade está a traballar no Consello Técnico de Atención Primaria con todos os colectivos, e para o que se creou  unha Dirección Xeral de Reforma Sanitaria que pilote o proceso.

Para todo isto, é fundamental actuar tamén nos centros de saúde que aínda seguen a ser de titularidade municipal. Existe un Pacto Local para ir asumindo progresivamente desde a Xunta estes centros. Desde 2009 xa se asumiron máis de 90 e, aínda que o proceso é lento, hai que destacar que, desde 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde do grupo 1, que son aqueles coma este cuxo edificio está dedicado integramente ao fin sanitario.

Así, nos orzamentos da Xunta de 2021 prevese a reserva de 2,23 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local aos concellos de menos de cincuenta mil habitantes que teñen que asumir os gastos de funcionamento dos centros de saúde da súa titularidade.

Polo tanto, a Xunta colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros e colabora tamén cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.


VIDEO SPOT MASIDE en BADAL TV