G. Caballero pide ao goberno potenciar o investimento en infraestruturas para Galicia nos orzamentos xerais do estado

G. Caballero pide ao goberno potenciar o investimento en infraestruturas para Galicia nos orzamentos xerais do estado e “manter o paraugas de protección” á cidadanía

O líder do PSdeG reivindica “políticas progresistas e de esquerdas” coincidindo coa convención do PP en Santiago: “fronte aos retrocesos en dereitos, os avances en liberdades, dereitos sociais e benestar”

AVANTAR ACTIVIDADES

O secretario xeral ofrece “integración” e traballo “en equipo” para o futuro do PSdeG e traslada os seus “parabéns” ao partido en Ourense por unha elección de delegados ao Congreso Federal “con democracia”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu hoxe ao goberno de España que “manteña o paraugas de protección” á cidadanía nos Orzamentos Xerais do Estado e, ademais, que “incremente” os investimentos en materia de infraestruturas e transportes para Galicia.

“Para a reactivación, o investimento público é un elemento sine qua non”, reivindicou o máximo dirixente das e dos socialistas galegos, quen requiriu ao goberno que impulse “proxectos importantes” en materia de infraestruturas empregando tamén os fondos europeos.

Trátase, indicou Gonzalo Caballero, de continuar a senda do AVE, que chegará este ano a Galicia; dos avances nas estacións intermodais, da saída sur ferroviaria, da conexión do porto coruñés de Punta Langosteira ou de infraestruturas terrestres nas catro provincias.

Ao fío disto, apelou tamén ao executivo liderado por Pedro Sánchez a continuar co seu “compromiso” coas políticas sociais, co obxectivo de “defender á xente na fase de reactivación” porque “non podemos deixar aos parados de longa duración, á mocidade ou ás mulleres” de lado. Así, incidiu, precisamos dunha reactivación na que se loite “contra os riscos das desigualdades”.

“España e Galicia xóganse moito coas políticas públicas que se leven adiante neste curso político”, evidenciou, polo que subliñou que é necesario avanzar cara “a cohesión social, a modernización e a cohesión territorial”. Do contrario, advertiu, a sociedade estará abocada a “enormes fendas de desigualdade” e o país “pode perder competitividade no contexto internacional”.

Neste marco, Gonzalo Caballero sinalou que “é unha garantía” para España ter un goberno progresista “que aposta polas políticas expansivas, polo escudo protector que supoñen as políticas sociais e por saír desta crise cun paraugas para protexer ás persoas máis vulnerables”.

“FRONTE A CASADO, UN GOBERNO DE PROGRESO”

En paralelo, ante a celebración da convención do PP hoxe en Santiago, Gonzalo Caballero puxo en valor ao goberno progresista de España fronte a unha oposición que aposta pola “confrontación, o conflito e a ruptura institucional” e que carece de “capacidade para ver con luces de medio e longo prazo as necesidades do noso país”.

“Cando vemos a oposición que fai Pablo Casado, atopamos a peor oposición que se pode facer tanto en momentos de crise como de reactivación”, censurou Gonzalo Caballero, logo de criticar que tamén haxa gobernos autonómicos presididos polo PP dedicados a “busca de conflito co goberno de España”.

Tras atribuír este comportamento a que “a dereita e a ultradereita están nunha carreira aloucada, desnortada”, o secretario xeral do PSdeG advertiu que iso supón “un risco para España” na medida en que “rachan cos grandes consensos do benestar, das liberdades, da igualdade, da tolerancia”.

De feito, Gonzalo Caballero non esqueceu o “risco de retroceso” que entrañan eses posicionamentos, nos que o PP se sitúa a carón de Vox e “en contra da lei de morte digna, da interrupción do embarazo nos hospitais públicos ou dos dereitos das persoas LGTBI”.

“Despois dunha crise de tanta profundidade, os tipos de políticas que adoptemos determinarán como vai ser o futuro”, explicou o líder do PSdeG, polo que “necesitamos unha saída pola esquerda” na que se aposte polo benestar e a igualdade “fronte a un PP cada vez máis escorado á dereita”.

“Fronte á dereita, políticas progresistas e de esquerda; fronte a Casado, un goberno de progreso en España; fronte aos retrocesos en dereitos, avances en liberdades, dereitos sociais e benestar”, reivindicou Caballero.

“EN EQUIPO, MÁIS FORTES”

Finalmente, a preguntas dos medios de comunicación, o responsable do PSdeG volveu formular “unidade, lealdade e integración”. “Todos somos necesarios e todos cabemos nun proxecto compartido”, afondou, partidario de “primar o proxecto colectivo por riba de individualidades”.

“Se cada un se dedica con plenitude ás súas funcións e cun plantexamento de equipo, seremos máis fortes”, reivindicou o dirixente socialista, para incidir en que “todos cabemos no PSdeG”.

Así pois, nun momento no que a xente “nos pide que deamos respostas aos problemas”, Gonzalo Caballero argüíu que é tempo de poñer “compromiso, paixón e vontade para crear un PSdeG forte”.

Por iso, ofreceu “espazos de encontro para seguir remando” nun momento de “complexidade” e de “riscos” no que cómpre “manter os resultados das eleccións xerais e municipais de 2023 e construír un proxecto político para Galicia que permita ofrecer unha alternativa”.

Por último, Gonzalo Caballero trasladou os seus parabéns “a todo o PSdeG en Ourense” por ter desenvolvido a elección de delegados para o Congreso Federal do PSOE “con democracia”, toda vez que “preto dun millar de militantes optaron en liberdade polas distintas opcións que había”.