G. Caballero destaca o compromiso do goberno de España coa chegada do ave: “os e as socialistas cumprimos con Galicia”

O secretario xeral censura que Feijóo “hai poucos meses” negou que se foran cumprir os prazos, tendo en conta que foi o PP de Mariano Rajoy e Ana Pastor quen paralizou a súa construción

O dirixente socialista sinala que “seguiremos traballando en defensa dos galegos e das galegas” nos temas da AP-9 trala resolución da UE

AVANTAR ACTIVIDADES

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou o compromiso do goberno de España coas infraestruturas en Galicia e, especificamente, coa chegada do AVE prevista para o mes de decembro.

“Os e as socialistas cumprimos os compromisos con Galicia”, reivindicou o dirixente socialista logo de que onte o presidente do goberno, Pedro Sánchez, anunciase na Toxa que o AVE chegará a Galicia antes de que remate o ano, o que supón que “cumprimos cunha infraestrutura fundamental”.

Fronte a isto, recordou que “hai poucos meses o presidente da Xunta dicía que este secretario xeral mentía cando afirmaba que as obras do AVE ían estar rematadas neste ano”; cuestión que criticou logo de subliñar que foi o PP de Mariano Rajoy e Ana Pastor o que recortou nos investimentos desta infraestrutura. “Non fixeron máis que obstruír e dificultar”, sentenciou.

Neste senso, o líder do PSdeG destacou o papel do executivo liderado por Pedro Sánchez ao investir “todo o necesario” nesta infraestrutura, o que supuxo que “non houbo ningún retraso derivado da tarefa do goberno presidido por Pedro Sánchez na chegada do AVE a Galicia”.

O PP PRIVATIZOU E AUMENTOU A CONCESIÓN DA AP-9

En parelelo, no que atinxe á AP-9, Gonzalo Caballero reivindicou tamén o cumprimento dos compromisos do goberno de España materializados coa rebaixa histórica das peaxes, ao tempo que asegurou que “seguiremos traballando” no tema da AP-9 unha vez coñecida a resolución da UE ao respecto.

“Agora que se está plantexando que a prórroga que deu Aznar a Audasa ten un compoñente de ilegalidade, os e as socialistas de Galicia estaremos traballando para conseguir unha circulación cos menores custes”, sinalou.

“Se hai algunha posibilidade legal de que aquela ilegalidade implique un maior abaratamento para os petos dos galegos e galegas, o PSdeG, galeguista e comprometido con Galicia, vai seguir traballando na defensa dos galegos e galegas”, reivindicou o líder socialista.

Ao fío disto, o máximo responsable do PSdeG lembrou que a súa primeira reunión cun ministro trala chegada de Pedro Sánchez á Moncloa foi con José Luis Ábalos, daquela responsable de Infraestruturas e Mobilidade Urbana.

Nese encontro, rememorou Gonzalo Caballero, “pedinlle que apostase por unha rebaixa histórica dunhas peaxes que supoñían un enorme custe para os galegos e galegas”. “E, tres anos despois, hai unha rebaixa histórica”, destacou.

Así, fronte a un goberno do PP que “privatizou a concesionaria Audasa, deu á empresa unha prórroga por 25 anos máis e mantivo unha estafa para os galegos e galegas no ámbito da circulación”, un goberno progresista “co impulso das e dos socialistas galegos, fai que cumpramos con esa demanda cunha rebaixa histórica”.