A recuperación de inmobles na área Rexurbe de Ribadavia terá ata 24.000 euros de axuda

Un total de 40 áreas de rehabilitación integral pertencentes a 22 concellos beneficiaranse dos 10,2 millóns de euros dispoñibles este ano para financiar actuacións de recuperación de inmobles e espazos nestes ámbitos. En concreto, atópanse nesta oferta tres ourensáns —Castro Caldelas, Ourense e Ribadavia. A previsión é que se poida intervir, rehabilitar ou mesmo edificar máis dun milleiro de vivendas nas ARI seleccionadas.

A Xunta ponderou á hora de facer a distribución a condición de Área Rexurbe dalgunha das ARI para as que se pedía financiamento. Foi o caso de Mondoñedo e Ribadavia, dous dos primeiros concellos en contar con esta nova figura e aos que se lles asignou unha contía maior para intervir nestas zonas.

AVANTAR ACTIVIDADES

O importe máximo das subvencións que poderán percibir os propietarios é de 24.000
euros por vivenda, sen que poida superar o 50% do orzamento da actuación. En todo
caso, o límite subirá ata o 85% cando o solicitante teña ingresos inferiores a tres veces o
IPREM e cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite
que na unidade de convivencia existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.
Ademais, os concellos recibirán tamén subvencións para executar pola súa conta
actuacións de urbanización e reurbanización de espazos públicos dentro do ámbito da
ARI, cun importe de ata 2.000 euros por vivenda rehabilitada. A maiores, os municipios
recibirán financiamento para sufragar os custos da oficina municipal de rehabilitación —
1.500 euros por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra existente—.