O PP reitera a súa petición de dar 5.000 euros para as necesidades das ANPAS

O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia presentará novamente ao Pleno de outubro a moción para solicitar ao goberno municipal que leve a cabo unha modificación de crédito, con carácter urxente, por importe de 5000€ destinada a establecer unha liña de subvencións ás ANPAS do Concello de Ribadavia. Os populares vense na obriga de volver a presentar esta proposta despois de que no pleno de setembro o goberno municipal de PSOE e ReC votasen en contra da urxencia da moción e bloquearan, dese xeito, a posibilidade de debater a cuestión e habilitar esa liña de subvencións ás ANPAS dos centros educativos de Ribadavia.

Para os populares é moi importante habilitar esta liña de axudas xa que son moitas e diversas as necesidades que as ANPAS teñen para contribuír, dentro das súas competencias, a mellorar as condicións dos servizos educativos no concello de Ribadavia. Neste sentido, os populares afirman que o concello debe colaborar coas asociacións de Nais e Pais de Ribadavia a través dunha liña de axudas económicas que permitan ás ANPAS a adquisición de materiais, programación de actividades ou calquera outra cuestión que redunde na mellora das condicións nas que se prestan os servizos educativos no Concello de Ribadavia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Por todo isto, o Partido Popular de Ribadavia volverá a pedir ao Pleno municipal que se leve a cabo unha modificación de crédito por importe de 5000€ destinada a establecer unha liña de subvencións ás ANPAS do Concello de Ribadavia, de xeito que unha vez aprobada a modificación se suscriban convenios individuais con cada ANPA para atender de xeito particular ás necesidades de cada unha das asociacións de nais e pais dos centros educativos de Ribadavia. Os populares agardan que desta volta, ao presentarse pola vía ordinaria e non por urxencia, o goberno municipal non bloquee a concesión desta liña de axudas ás ANPAS de Ribadavia.

Os populares consideran incomprensible que PSOE e ReC votaran en contra da urxencia da proposta cando eles mesmos coma grupos teñen levado a pleno pola vía de urxencia propostas do mais diverso e que, dende logo, moitas delas non eran urxentes e que sin embargo ninguén bloqueou. Os populares lembran que existía un acordo tácito entre todos os grupos dende hai tempo para non rexeitar a urxencia de ningunha proposta, un acordo que agora os grupos de PSOE e ReC decidiron saltarse para impedir que se debatera unha moción presentada polo grupo popular. Finalmente, dende o grupo popular queremos agradecer ao BNG que votara a favor da urxencia da proposta e que se mostraran dispostos tamén a apoiar o contido da moción.