Gabriel Alén supervisa o inicio das obras na estrada OU-525, contorna dos polígonos de San Cibrao e Barreiros

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, achegouse esta mañá ao concello de San Cibrao das Viñas para supervisar as obras de mellora do firme e de reforzo da seguridade viaria na estrada autonómica OU-525,  que principiaron a semana pasada.

O delegado territorial, que estivo acompañado do alcalde, Manuel Pedro Fernández, lembrou que esta obra foi licitada pola cun investimento de case 3,6 millóns de euros, tendo previsto un prazo de execución de 12 meses, aínda que é intención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade axilizalas ao máximo para poder rematalas este mesmo ano.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén explicou que se trata de mellorar o treito autonómico da estrada N-525, 14 quilómetros de vía que tivo que asumir a Xunta para poder executar o novo acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas. O obxectivo da actuación é reforzar a seguridade viaria, facilitar os movementos cara ás zonas industriais e ofrecer maior seguridade e comodidade nos desprazamentos.

O representante do  Goberno galego relatou que esta é unha vía moi transitada, pola que discorre o tráfico pesado que se achega aos polígonos e que rexistra ata case 20.000 vehículos ao día ao seu paso por San Cibrao, rebaixándose o tráfico ata os 5.500 vehículos ao día en Taboadela e aos 4.300 en Allariz.

Deste xeito -subliñou o delegado territorial- continúa a aposta que vén realizando a Xunta por favorecer as comunicacións co polígono industrial de San Cibrao no que operan máis de 400 empresas e 8.500 traballadores.

Destacou, nesta liña, os 22 millóns de euros que investiu a Xunta para a posta en servizo do novo acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas desde a A-52. Esa nova conexión, que dispón de terceiro carril en máis da metade do trazado, permitiu reducir nun 60% o percorrido necesario para conectar o parque empresarial coa autovía, facilitando unha conexión máis directa, áxil e cómoda ao que é o gran pulmón empresarial de Ourense, favorecendo a súa competitividade.

Gabriel Alén trasladou a vontade da Xunta de seguir apostando pola mellora das conexións e pola seguridade viaria do transporte de mercadorías nesa contorna.

Referiu, a este respecto, que os fondos Next Generation para mobilidade constitúen unha grande oportunidade para impulsar a prolongación do acceso ao polígono de San Cibrao e á Cidade do Transporte desde a A-52.

Con todo, lembrou que os criterios de reparto destes fondos de reconstrución establecidos polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana deixan fóra aos concellos máis pequenos, de menos de 50.000 habitantes, deixándoos á marxe de novos investimentos para mellorar a mobilidade.

Ante iso, dixo, a Xunta e 75 concellos galegos, entre eles o de San Cibrao das Viñas, impulsaron o pasado sábado unha declaración institucional ‘Por un rural forte e conectado’, solicitando un reparto máis equitativo dos fondos Next Generation co obxectivo de conseguir un cambio de criterio por parte do Goberno de España e acadar máis investimentos.