PSOE e Ribeiro en Común presentan unha moción de censura o goberno popular de Ribadavia

IES CHAMOSO LAMAS

Tras varios meses do que aseguran dende o PSOE que foron incumprimentos “graves” por parte do goberno do Partido Popular, PSdeG-PSOE e Ribeiro en Común presentaron esta mañá por rexistro unha moción de censura contra o alcalde, César Manuel Fernández Gil, que foi elixido rexedor en xuño de 2019 en segunda votación e por maioría simple, sen contar máIs que co apoio do seu propio grupo. Ribeiro en Común e PSOE sumarán sete concelleiros, o que lles outorga a maioría fronte ós cinco que conforman o actual grupo do PP. Deste xeito, bastará cunha coalición entre eles para que a moción sexa aprobada. As forzas da oposición consideran que o actual goberno municipal incumpriu os compromisos políticos “máis fundamentais para o interese municipal, o que xerou unha perda de confianza da corporación no actual alcalde, motivando unha situación política de desprestixio e deterioración do goberno”.

A proposta tanto de PSdeG, como de Ribeiro en Común é que a concelleira socialista, Noelia Rodríguez asuma a alcaldía, sendo a tenente de alcalde, Paula Rodríguez, de RenC. Deste xeito ambas formacións apostan por un goberno de “cambio, progreso e feminista” e remarcan que se tratará do “primeiro goberno municipal da historia de Ribadavia que estea encabezado por mulleres”. En próximos días, darán a coñecer o reparto de áreas entre concelleiros e concelleiras das dúas forzas políticas, así como o organigrama do equipo de goberno, do que Brais Fidalgo actuará como voceiro. Os protagonistas desta xornada non quixeron dar declaración hoxe. Mañá, na sede do PSOE de Ourense, terá lugar unha rolda de prensa cos portavoces, entre eles Ignacio Gómez, anterior alcalde do PSOE e polo de agora voceiro do PSOE de Ribadavia.

HIPER MASIDE

No escrito da moción de censura, ambas formacións políticas concordan en que Ribadavia “non pode continuar cun goberno que en plena crise social está instalado na promoción e en vender propaganda baleira”. Subliñan tamén a “urxencia” de conformar un novo goberno municipal que teña como prioridade “axudar a unha sociedade que está afrontando duros momentos e que necesita de investimentos municipais para poñer en marcha o municipio”.