Ribadavia pide axuda á Xunta para o saneamento do Seixo-As Chabolas

Tras producirse un vertido de augas fecais neste núcleo de Ribadavia, a semana pasada o Concello comezou xa os traballos de reparación do depósito veciñal de augas fecais do Seixo- As Chabolas.

Publicidade

En colaboración coa empresa concesionaria o Concello abriu a fosa e procedeu ao seu baleirado.

Estes traballos iniciados e realizados nesta infraestrutura, que non é do Concello, continuarán para reconstruír a arqueta de entrada ao depósito, a colocación da tubaxe, e o reforzo de elementos de filtrado na ultima parte do deposito.

Intervención urxente pero non definitiva: O Concello intervén así de maneira urxente para evitar que continúen os vertidos, e unha vez rematada a intervención urxente prevista, desde o Concello queren buscar unha solución permanente, trasladando o Proxecto de Abastecemento e Saneamento da Groba, O Seixo, Chabolas e Sanín á Augas de Galicia e á Xunta co propósito de conseguir a colaboración e apoio, buscando así unha solución definitiva.

Así, o Concello de Ribadavia ten solicitada unha xuntanza co ente Augas de Galicia para retomar o Proxecto de Abastecemento e Saneamento da Groba e As Chabolas, este documento fora xa presentado no seu día ano 2015 en Augas de Galicia, da Xunta de Galicia, e aínda que nestes anos non se levou adiante, desde o Concello confían en que estas avarías e vertidos poñan en alerta as demais administración do urxente e necesario que é para estes núcleos de Ribadavia a creación dunha rede de saneamento que os conecte coa rede municipal.

Ademais de problemas de Saneamento, tamén existen eivas no Abastecemento: O Concello tamén colabora con estes núcleos en melloras puntuais da rede veciñal de abastecemento de auga. Así, neste verán o Concello cooperou cos veciños nos reforzo do subministro de auga veciñal para evitar cortes de auga nos meses de verán, como tiñan acontecido no pasado. A pesar de non pertencer á rede municipal, o Concello non pode desvincularse por ser un servizo básico para os veciños.

O Concello defende e gustaríalle que todos os veciños e veciñas estiveran conectados á rede municipal, o que tería que ter o acordo dos veciños e a consecución do apoio da Xunta de Galicia para facelo posible, pois estamos a falar de un orzamento moi elevado no que os Concellos sempre contan coa participación de Administracións superiores.

Orzamento: A execución deste proxecto para crear a rede de saneamento e abastecemento na Groba, O Seixo, As Chabolas, e Sanin ascende a máis de 520.000 euros, é por iso que se fai necesario a participación e axuda da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade e de Augas de Galicia, un apoio imprescindible para que os concellos prestemos este servizo tan básico e necesario para todos os veciños.

O obxectivo que se fixa o concello é mellorar a calidade das augas e a ampliación da rede de abastecemento no noso municipio, dándolle un servizo á todas as vivendas destes núcleos.