Xunta e Aspamadis colaboran na prevención dos incendios forestais

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo un encontro co presidente da Asociación de pais e nais de discapacitados intelectuais de Ourense (Aspamadis), Manuel Martín, no que lle amosou a total colaboración do Goberno galego no traballo pola integración social e laboral das persoas con necesidades especiais.

Ambos os dous fixeron repaso de varios proxectos de colaboración coa Xunta, entre eles, o recente investimento de preto de 17.000 euros da Consellería do Medio Rural a través da empresa pública Seaga para realizar rozas manuais con rozadoira e remates en zonas de roza mecanizada con tractor nos concellos de Paderne de Allariz (4,10 ha) e A Merca (3,90 ha); actuacións relacionadas coa prevención e loita contra os incendios forestais.

Así mesmo, avaliaron os programas de creación ou ampliación do cadro de persoal de centros especiais de emprego; o de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional dos centros especiais de emprego; o de axudas ao mantemento do custo salarial nos centros especiais de emprego, e o de mantemento e adaptación de postos de traballo nos centros especiais de emprego nos que a Consellería de Emprego e Igualdade investiu máis de 59.000 euros nos últimos anos.

Tamén falaron do contrato asinado coa Consellería de Política Social por importe de 2.685 euros  para o mantemento dos xardíns na Residencia Xuvenil de Estudantes Florentino López Cuevillas na cidade de Ourense.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Gabriel Alén analizou xunto ao responsable de Aspamadis tamén os proxectos de futuro desta asociación de nais e pais, que ten como obxectivo a integración dos seus fillos no mercado laboral a través de ferramentas coas que poidan acadar oportunidades de emprego.

O delegado territorial animou aos representantes da entidade a seguir traballando pola inclusión e o desenvolvemento individual das persoas con necesidades especiais e aproveitou a xuntanza para agradecer o labor que a entidade está a levar a cabo en Ourense.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------