Ribadavia recibe unha subvención para mellorar a igrexa da Madalena

O Concello de Ribadavia recibiu unha subvención para a mellora da Igrexa da Madalena, espazo que se usa como local social e centro da actividade cultural e turística de Ribadavia: Feira do Viño, Festa da Istoria, Mostra Internacional de Teatro, Arteficial, Museo Etnolóxico, encontros, exposicións, actos, ponencias, e centro cultural e turístico de Ribadavia e do Ribeiro.

Hoxe tivo lugar un Pleno extraordinario de modificación de crédito para poder levar adiante este proxecto, unha vez que foi recibida unha resolución favorable para a mellora de infraestruturas turísticas de concellos, coa concesión de 30.000 euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

O Concello quere adxudicar as obras o antes posible, ademais desde a institución municipal están en comunicación continúa coa xefatura de Cultura e Patrimonio para recibir o informe sectorial favorable e poder comezar dita actuación, segundo afirmaba esta mañá a alcaldesa, Noelia Rodríguez.

O Proxecto do Concello para a mellora da Igrexa da Madalena que foi aprobado ascende a un total de 31.720 euros, e consistirá en obras de conservación e mantemento tanto no interior coma no exterior da Igrexa da Madalena.

  • No interior na zona da antiga sancristía, restaurarase o solo de madeira, para mellorar a imaxe do pavimento e facilitar as labores de mantemento e limpeza. No aseo substituirase a ventá por unha nova carpintería de madeira pintada, e substituirase a porta de madeira de paso do aseo por outra porta de madeira maciza de carballo vernizada. Na zona de almacén colocarase unha nova porta de madeira maciza de carballo vernizada para diferenciar dito espazo do acceso ao aseo. No lintel de pedra que da acceso a sancristía, repararase a greta con rexina epoxídica con endurecedor. Na nave e na ábsida restaurarase todo o pavimento de madeira, sendo necesario previamente un acoitelado, un lixado e posteriormente a aplicación de aceite incoloro en acabado mate/satinado.
  • No exterior as actuacións consistirán en obras de mantemento e conservación da cuberta, a torre e fachadas. Na cuberta realizarase a limpeza do tellado, eliminando a vexetación, recolocación de tellas que poidan estar desprazadas e substitución das tellas deterioradas. Ademais no encontro dos faldróns de cuberta co paramento vertical de pedra da ábsida, executarase un novo remate con lámina de chumbo. Nas fachadas executarase unha limpeza da vexetación na torre e nas escaleiras da torre, onde se aprecia maior concentración de restos vexetais. Na fachada norte, realizarase a limpeza de pintadas. Na fachada principal, na tore e nas súas escaleiras farase unha limpeza manual dos paramentos. Na fachada sur, nun tramo da fábrica de perpiaño, existe unha greta que discorre entre as xuntas da fábrica, executarase un novo rexuntado con morteiro de cal, e no contador de auga colocarase unha tapa metálica. Realizaranse actuacións de restauración e pintado da varanda de aceiro da torre e na varanda das escaleiras de acceso a torre executarase decapado e pintado.

Por outra banda, desde o Concello seguen planteando e propoñendo proxectos de mellora buscando a colaboración e cooperación con todas as Administracións. Así, segundo a alcaldesa, Noelia Rodríguez, solicitouse todas as subvencións as que podía optar nas convocatorias que a Xunta realizou no mes de setembro, unha delas é esta de infraestruturas turísticas para a igrexa da Madalena.