Caballero secunda a mobilización a prol do hospital de Valdeorras

O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, secundou hoxe a concentración en defensa do hospital comarcal de Valdeorras nun momento no que “en toda Galicia hai problemas” no eido sanitario. “Feijóo non pode seguir afogando a sanidade pública”, reclamou.

AVANTAR ACTIVIDADES

De feito, Gonzalo Caballero subliñou que hoxe existen “listas de espera estruturais na atención primaria” e “máis tempo de agarda para especialistas e quirófanos” mentres a Xunta optou por “pechar 600 camas de hospital no verán”.

“A nosa sanidade pública necesita unha aposta decidida do goberno galego”, recalcou Gonzalo Caballero, quen incidiu na “saturación” do persoal sanitario nun contexto no que non existen “suficientes profesionais” porque a precariedade laboral do Sergas “dificulta” a contratación.

A situación chega a un punto, recordou, que o colexio de médicos de Pontevedra chegou a presentar unha denuncia penal contra a Xunta polos problemas na atención aos doentes, provocados por axendas de “máis de 50 ou 60 persoas” ao día por cada profesional sanitario.

HOSPITAL DE VALDEORRAS

No caso de Valdeorras, Gonzalo Caballero puxo sobre a mesa “a especificidade xeográfica” desta bisbarra logo de denunciar a redución de servizos neste hospital. “A Xunta ten que amosar compromiso co hospital do Barco”, subliñou.

“Non pode haber galegos de primeira e galegos de segunda”, remarcou, en presenza dos alcaldes do Barco e Vilamartín e da alcaldesa de Petín. De feito, garantiu que “seguiremos presentando iniciativas parlamentarias para que a Xunta se comprometa co hospital de Valdeorras”. “Porque Valdeorras existe”, concluíu.