Gonzalo Caballero pide o apoio da militancia de base para unha “vitoria contundente” nas primarias do pŕoximo sábado

Gonzalo Caballero pide o apoio da militancia de base para unha “vitoria contundente” nas primarias do pŕoximo sábado: “temos que gañar dentro para gañar fóra”

Defendeu “máis esquerda, máis galeguismo, máis feminismo e máis ecoloxismo” como os principais “sinais de identidade” do seu proxecto para “seguir avanzando no mellor futuro para o PSdeG e para Galicia”

Caballero tamén apelou “á exemplaridade e á ética no comportamento público” como bases “fundamentais” para “ter credibilidade e liderar a conexión coa cidadanía”

Publicidade Premer na Imaxe

Gonzalo Caballero presentou hoxe en Santiago o seu proxecto para o PSdeG. Nun acto ateigado de público e de “orgullo socialista de quen nunca o perdemos”, Caballero reclamou o respaldo da militancia de base para acadar “unha vitoria contundente” nas primarias do próximo sábado. “Pídovos o apoio”, proclamou, “para construír a Galicia que queremos e seguir avanzando no mellor futuro para o noso país”.

Con este obxectivo, avogou por “gañar dentro para gañar fóra”. “Non podemos retroceder”, alertou, “porque Galicia paga a pena e porque somos a alternativa á dereita”. Para Gonzalo Caballero, esa alternativa pasa por “construír un partido forte, feito de abaixo a arriba” e no que, polo tanto, “a militancia ten unha importancia fundamental para marcar o seu futuro”.

Gonzalo Caballero reivindicou, ademais, que ese modelo debe estar sustentado en catro principais sinais de identidade: “Máis esquerda, máis galeguismo, máis feminismo e máis ecoloxismo”. “Nesta encrucillada”, sinalou, “non podemos caer nun retroceso a tempos que non foron mellores, non podemos retroceder neses catro eixos”, dixo.

En paralelo, defendeu “a exemplaridade e a ética no comportamento público” como bases “fundamentais” para “ter credibilidade e liderar a conexión coa cidadanía”. Por iso, indicou que “é necesario que todos manteñamos un nivel de esixencia que sexa referente de comportamento para que ninguén nos poida recriminar ningunha porta xiratoria ou dúbida no ético ou no estético”. “Estamos en política para servir, pero non para vivir da política senón para servir á xente”, subliñou.

REAFIRMACIÓN DO COMPROMISO SOCIALISTA

Gonzalo Caballero iniciou a súa intervención renovando e reafirmando o seu compromiso socialista como “unha gran alianza coa Galicia de progreso e vangardista que non se resigna”. Nesta liña, incidiu en que “non podemos esquecer quen somos e que pensamos, cales son os nosos valores e actuar en consonancia con aquilo que nos representa dende que Pablo Iglesias fundou este partido hai máis de 140 anos”.

Así, nun contexto marcado por “unha crise de tanta gravidade”, lembrou que  “é máis necesario que nunca defender os valores dunha esquerda que quere construír una maioría de progreso en Galicia dende o PSdeG”. “Eu”, subliñou, “non me resigno fronte a ningún goberno da dereita e traballo de forma consistente e leal dende a miña organización para acadar os mellores resultados”.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero enfatizou que o socialismo é “un compromiso de vida e unha garantía para loitar por unha sociedade máis xusta e pola igualdade de oportunidades”. Dende esa esquerda, avogou por seguir defendendo a democracia, o estado de benestar, a solidariedade, a cohesión social, os servizos públicos e as políticas sociais.

Polo miúdo, Gonzalo Caballero apostou por situar “o crecemento e a xeración de emprego por riba das prioridades do déficit e os recortes”. Ese modelo permite traballar “con políticas de progreso por unha Galicia mellor” fronte a un Feijoo que, por exemplo, “dana a sanidade pública” cando “recorta fondos en atención primaria nos orzamentos do ano que vén mentres incrementa nun seis por cento o gasto en persoal de confianza”.

Ao mesmo tempo, Gonzalo Caballero avogou polo fortalecemento da educación pública e dos servizos sociais, en contraste cun PP “que inicia o curso despedindo a centos de profesores de reforzo” e que rebaixa o gasto en dependencia ou nas prazas en residencias públicas.

Outro dos grandes obxectivos do seu proxecto é a xeración de emprego de calidade, “sen o que Galicia esmorece e queda sen capacidade para facer fronte ao reto demográfico”. Neste senso, indicou que “non nos podemos resignar a que tantos mozos e mozas abandonen Galicia para atopar o seu futuro” porque “ese talento que perdemos supón facer a Galicia máis cativa e pobre”.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero tamén referendou o seu “compromiso prioritario para defender á mocidade galega con políticas públicas que permitan darlle emprego, vivenda, educación pública e que conecten coas súas inquedanzas”. Do mesmo modo, salientou a súa intención de “abrir o PSdeG o partido á sociedade galega” porque “o futuro do PSdeG tamén está na mocidade”.

A maiores, sinalou que o compromiso socialista tamén se debe reflectir no compromiso cos sindicatos de clase na defensa dos traballadores e das traballadoras. Tamén reivindicou a loita a prol da memoria histórica, do dereito das mulleres a decidir se queren interromper un embarazo -e que teñan posibilidade de facelo no sistema público- ou dunha morte digna.

MÁIS GALEGUISMO

Como outro dos piares do seu proxecto, Gonzalo Caballero avogou por un galeguismo “cívico e construtivo, na tradición de Ramón Piñeiro e Ceferino Díaz ou dos gobernos de Laxe e Touriño”. Nesta liña, indicou que Galicia “é unha paixón e un compromiso” pero non “un dogma ou un ideario nacionalista ou independentista”. “Cando defendemos Galicia”, recordou, “poñemos as persoas por enriba de calquera outra clave” e “defendemos o autogoberno como instrumento útil para as persoas”.

Tras lembrar o papel fundamental do PSdeG na elaboración do Estatuto de Autonomía, Caballero anunciou que o PSdeG presentará una Carta de Cidadanía para que sexa “o documento motor para una actualización do Estatuto” fronte a un PP “que evita asumir máis competencias e transferencias” e fronte a un nacionalismo “que non estivo no Estatuto e que non sabe onde quere estar”.

Esa carta servirá para blindar dereitos e liberdades, garantir servizos públicos e incorporar cuestións como o feminismo e o europeísmo. En definitiva, “todo aquilo que nos ten que conectar coa Galicia do século XXI e que sitúe a Galicia no mundo”.

Isto debe facerse, ademais, cunha “visión federalista do país”. “Cremos”, remarcou, “nunha España plural e diversa na que a soberanía  está no conxunto da cidadanía, pero na que teñen cabida distintas sensibilidades e perspectivas”. Ao fío disto, defendeu “un goberno multinivel para que nas distintas administracións haxa competencias para facer as mellores políticas públicas”.

Por outra banda, fixo fincapé na defensa do municipalismo posto que “Galicia non é una suma  de plantexamos provinciais ou locais”. Por iso, manifestou a necesidade de artellar “un discurso de país cun proxecto transversal para a Galicia atlántica e interior, para a urbana e rural, que nos iguale a todos, modernizando a economía e fortalecendo os servizos públicos”.

A maiores, Gonzalo Caballero apostou por que Galicia sexa unha ponte atlántica entre Europa e Iberoamérica.

MÁIS FEMINISMO E MÁIS ECOLOXISMO

Gonzalo Caballero expresou tamén o seu compromiso por que o PSdeG sexa unha referencia do feminismo e ecoloxismo. “Estaremos sempre a carón da axenda do feminismo para acadar a igualdade real, para loitar contra calquera tipo de violencia machismo e para que as mulleres saian con máis posibilidades desta crise”, proclamou.

Canto ao ecoloxismo, fixo un chamamento a defender o medio natural, a biodiversidade e a sustentabilidade, que é o mesmo que “defender a Galicia do presente e a do futuro”. “Aí”, afirmou, “ninguén vai estar con máis esixencia e compromiso que o que eu represento para o PSdeG”.

Nesta liña, Gonzalo Caballero reivindicou unha transición ecolóxica xusta que permita desenvolver toda a potencialidade económica de Galicia, pero sempre en convivencia co ecoloxismo e a defensa dos dereitos dos traballadores.

NOA DÍAZ E LUÍS TOXO

No acto desta mañá tamén interviñeron Noa Díaz e Luís Toxo.

A parlamentaria socialista subliñou que o proxecto de Gonzalo Caballero avanza “porque xa temos moito camiño percorrido” durante os últimos anos e porque “non houbo un secretario xeral que traballase tanto como o que traballou el”.

Tras salientar “a súa honestidade, a súa lealdade e a súa xenerosidade”, Noa Díaz recordou que Gonzalo Caballero “leva catro anos a pé de rúa” e que “estivo sempre onde houbo unha necesidade ou reivindicación social”. “Un esforzo encomiable”, louvou, co que ratificou que o Partido Socialista é “o máis próximo á hora de compartir as necesidades e inquedanzas da cidadanía”.

Pola súa banda, o histórico Luís Toxo defendeu que Gonzalo Caballero é “a persoa idónea para continuar sendo o secretario xeral do PSdeG” pola súa “capacidade de traballo, empatía, persuasión e honestidade”.