V Xornada de Convivencia de Voluntarios de Protección Civil en Castrelo do Miño

A Xunta pon en valor o labor altruísta das agrupacións de voluntarios de Protección Civil

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, asistiu á “V Xornada de Convivencia de Voluntarios de Protección Civil en Castrelo do Miño, na que participaron preto de 350 voluntarios da provincia e representantes de 50 asociacións de Galicia

AVANTAR ACTIVIDADES

Alfonso Rueda significou a importancia destas celebracións para achegar tanto o traballo como a disposición e entrega dos voluntarios galegos no seu labor en beneficio da poboación

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe xunto co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, eo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, na celebración da V Xornada de Convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Ourense no recinto do parque náutico de Castrelo de Miño, na que participaron preto de 350 voluntarios e voluntarias da provincia e representantes de 50 asociacións de Galicia.
O vicepresidente primeiro da Xunta sinalou que estas xornadas serven de punto de encontro para os voluntarios, creando un ambiente de convivencia no que se compaxinaron talleres prácticos de materias relacionadas co mundo das emerxencias.
Alfonso Rueda significou a importancia destas celebracións para achegar tanto o traballo como a disposición e entrega dos voluntarios galegos no seu labor en beneficio da seguridade da cidadanía.
Desenvolvemento da xornada
Na xornada realizáronse diversos talleres prácticos guiados por profesionais de organismos relacionados co mundo das emerxencias e destinados a grupos reducidos de voluntarios de protección civil. Neles trátase de conxugar, dende un punto de vista práctico, a exposición e emprego de material de emerxencias co coñecemento de novas tecnoloxías que cada vez mais ofrecen múltiples posibilidades no mundo das emerxencias.
Así, participaron a Unidade Cinolóxica da Garda Civil, cos seus cans adestrados na Busca de Persoas Desaparecidas; o Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) que amosaron os seus equipos e compartiron experiencias cos voluntarios; a Unidade de Drons dos Bombeiros da Mancomunidade de Terra de Celanova, que mostraron as vantaxes do emprego do dron no medio acuático e o recentemente creado GES de Maceda, que levou a cabo un rescate no medio acuático co emprego dun vehículo anfibio.
Tamén participaron no evento a empresa Ambulancias do Sil, co despregue do Hospital de Campaña que dispón de Fundación Sanitaria 061 para grandes catástrofes; o Grupo de Apoio Loxístico a Intervención (GALI) pertencente a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), que amosou a bomba de achique de gran caudal capaz de succionar ata 25.000litros por minuto e realizou un taller dedicado á loita contra a contaminación en embalses e ríos.
O acto pechou cunha homenaxe ao labor feita polas AVPC da provincia de Ourense durante a pandemia, que segundo Alfonso Rueda “debe servir de recoñecemento ao traballo feito polas agrupacións de voluntarios de Protección Civil de toda Galicia polo esforzo feito neses meses en auxilio dos colectivos máis sensibles.”
O vicepresidente primeiro tamén quixo poñer en valor o cometido e o ofrecemento dos concellos que se esforzan por contar coas AVPC e agradeceu ás agrupacións da provincia, á Deputación Provincial de Ourense e ao Concello de Castrelo de Miño o seu traballo para que esta xornada fose posible.
O investimento do Goberno galego nos últimos anos para dotar e reforzar o material de emerxencias das AVPC na comunidade e tamén dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) supón case 60 millóns de euros.


VIDEO SPOT CASTRELO DE MIÑO en BADAL TV

CONCELLO DE CASTRELO DE MIÑO